Opinión

A REBELIÓN DO TEMPO

Ortega y Gasset escribiu un día La rebelión de las masas, que nada ten que ver coa proposta do enunciado, pero ficaba bonito naquel temps de ferro no que a el lle tocou de andar e ver: rébellion, révolte. E todo estaba e está mediatizado pola burguesía máis procaz, ruín e reaccionaria que calquera ser humano sexa quen de imaxinar, interpretar, onde as masas só chegan a inzar movementos de indignación uniformados pola estratexia capitalista que aseñorea o mundo moito antes de que Marx denunciara o oprobio, a explotación, o latrocinio. O descaro, por non dicir o cinismo, son as nomenclaturas e/ou sintagmas para denominar as 'revolucións' aquí e acolá, comezando polo norte africano, onde as protestas foron bautizadas dun xeito case que bucólico: primavera árabe, poñamos por caso, para botar a un títere e pór no seu lugar a outro que servise, como así é, os intereses do imperio, todo vernizado e 'tuneado' como corresponde a calquera piedade ou bondade subliminal e teocrática. Vexán, senón, aos 'irmáns musulmáns', de fabricación made in USA, tal que outras 'manufacturas' que nos tocan de perto aquí. E abeirándose na crise que eles mesmos provocaron, meten as tesouras e as navallas, cando non as espingardas para mutilar os dereitos adquiridos logo de tanto sangue suor e bágoas, para lle devolver ao monstruo todo canto este necesita para perpetuar o espolio sen fronteiras de ningunha caste. Botemos unha ollada cara o interior de nós mesmos, digamos Galicia, terra e home; tempo, cabo de todo. Os fármacos necesarios para manter a precariedade da saúde fanse insoportábeis para o sistema sanitario español aquí devido en SERGAS. A instrución pública e obrigatoria (léase ensino) vai de dislate en disparate, amputando criminosamente as liberdades así dos docentes como dos discentes, e subcontratando sibilinamente a unha procesión de mediocres moi por debaixo do cacarexado 'salario mínimo interprofesional' do que xa ningún deus fala, e isto faise extensivo a calquera empresa, que tanto ten de pública como de privada, pois estas últimas reciben do común erario unha chea de subvencións que non figuran rexistradas na contabilidade dos grandes caloteiros que unha parte dos xuíces do status español quere procesar, malia os atrancos e a renitencia do goberno en xeral que hoxe rexe en España e nas súas comunidades autónomas. Os 'paros técnicos' de antano, foron substituídos por ERE/s, dos cales non digo que todos foron feitos coa mesma e maligna intención por todos os empresarios adscritos ou non as pymes ou ceoes, pero si unha grande parte deles.


Hai que defender a vida, pero máis alá do feliz ou infeliz de nacer, e iso é o que non entende Ruíz Gallardón, que quere homes e mulleres atoutiñados para logo integralos na maldición do paro e falsa piedade que non resolve ren á hora da verdade. Velaí os inocentes deambulando día e noite polas rúas do progreso burgués a solicitar unhas tristeiras moedas para sobrevivir no abandono, sen teito, sen nada que levar á raia que outrora foi boca devecente.


Sonlle estampas de finais dos anos cincuenta así en Vigo como no Lugo das miñas dúas íntimas memorias e galerías, moito antes de achegarmos, tan só de paso, aos galpóns do vello burgo das nacións en Compostela, bébedos de noites insubmisas e noxo antigo, lendo ao poeta español Dámaso Alonso: Hijos de la ira.


Na negada nación que menos inutilmente representamos, a sombra dos irma ndiños deambula debelada polo asfalto. A Santa Compaña regresa, e unha morea de mortiños xoga ao tute cabrón nas grandes necrópoles do imperio esfiañado. Son os altísimos especuladores, que coa aquiescencia de sempre, queren negociar o mar: roubar as últimas paisaxes. É, ben que mal, a rebelión do tempo nestes días de inverno no verán que está aí, aínda que chova enriba da vida e a morte, e reborden os lindeiros arrebatados dos ríos.


Te puede interesar