Opinión

Raíz do tempo

Outro día falaremos de Pontevedra nos anos do medo. Golpe militar e represión (1936-1939), obra do historiador Xosé Álvarez Castro (Xerais). Era aquel outro outono da vella cobiza que grela, groma, ou espiga nos almanaques da vida. Non hai tempo presente sen pasado que nos informe, e que en certa maneira nos inflúa, para sermos ou deixar de ser, submetidos a calquera lei da física na que a química acontece cal unha realidade implacábel, máis alá de calquera azar imposíbel do determinismo sentimental que achega o homo á poesía, na mesma conditio que Platón denunciaba alporizado cando aínda non chegara a este mundo Xesús de Nazaret, fillo dun carpinteiro que tamén acreditaba en toda caste de invencións sobrenaturais propaladas por uns coa submisión das outras, cal era o caso de Marah, que segundo conta a erudición perversa foi a elixida para traer a este planeta que nos habita o fillo do delirio para redimirnos de tanta adversidade. Desbotado da historia da humanidade o panteísmo inicial, cansos de tanto agardar inutilmente por calquera bárbaro de ningun norte posíbel, chegou unha figuración de luz encegadora e semítica, e cabo dos nove meses que nunca variaron na evolución do homo sapiens, o meniño chegou á Terra cando a mentira do inverno era divulgada polos occidentes. O islamismo non era nin é máis que unha variante da mesma historia na mesma fe do que agora nomean xudaísmo, dúas verdades reveladas á procura do ouro e o sometemento do individuo aos antollos de calquera avareza. Uns e outros, esparexéronse polo mundo adiante, sen levar de conta as distintas formas teocráticas que nos transitan na química que non deixamos de ser, malia que nos amole. Entre o dual e o trinitario, para lle dar forma á psique, que xa os platonianos definían como alma para diferenciar os que supostamente carecían dela: os “desalmados”, nos que confluían e aínda arriban á deriva unha morea de seres humanos seducidos por calquera banalidade proclamada polo imperio da moral asilvestrada do sálvese quen poida. “Pai noso que estás nos ceos”, prega ignorante e hipócrita o teodiceísmo elemental, do mesmo xeito que unha variante do budismo solicita a benzón de Buda, aínda que este lles dixese un día aos seus seguidores que el era tan mortal como eles, onde o xénero só se contemplaba cal un covo onde a morte podería ou non reproducir calquera expresión da vida.

E cabo disto que vostedes leron, eu diríalles que logo da morte do Infame, nunca houbo transición no status español, que as cousas ben pouco mudaron; que a pobreza malvive na ruína, e a riqueza fai ostentación obscena da súa aparente desgraza, para que os non moi democráticos gobernos da patética burguesía legalicen as “humanas estafas” e outros espolios in nomine de calquera deus herdado sempre polos mesmos, e xamais polos desposuídos.

Estaba anunciado nas palabras divinas que levou o vento doutro primeiro almanaque dun mes coma este, agora que todo acontece na velocidade da vertixe, e esquécese como o lóstrego da primeira treboada que houbo en nós. Imos selar un boleto de calquera lotaría para escorrentar a friaxe impertinente da historia, sen saber certamente se a amizade da flor rebenta nas paredes, lembrando a Luísa Villalta.

Te puede interesar