Opinión

De que podemos falar?

Por unha parte xa ves, e pola outra, que queres que che diga? Dous síntomas e dous protosintagmas, logo da festividade da Constitución coa que enchen a boca uns e outras. O signo enfático interrogativo, podería ser substituído polo laio admirativo da gramática corcosida e patética dos apedeutas en distintos epicentros. Debuxar e pintar; escribir e interpretar, son dúas formas de se manifestar o homo, onde o xénero nada ou pouco ten que ver, aínda que o patriarcalismo informativo/desinformativo condicionen ao ser, como na selva, machos “alfa” e “femias” submisas, para interactuaren entre si. Non somos máis que prospectos da “ciencia” idiota que a cada data do almanaque convoca aquí e aló a obsesión burguesa. Non hai máis que ver como os grandes publicistas do mundo anuncian un perfume (líquido ou gaseoso); un automóbil ou un foulard de fina seda chinesa moito antes e despois do incerto Marco Polo, se vostedes me permiten o beneficio banal da dúbida, debruada polos grandes deseñadores do Imperio capitalista, que deixaron, cal detritos no camiño, as grandes hipérboles de Marcel Duchamp para explicarmos a percepción tempo-arte, como tentou inútil Andy Warhol, con botes de Coca-Cola e outros entullos da podremia burguesa, moito antes do descubrimento da globalización que explica o espolio, a explotación e o terror necesario para o desenvolvemento e o progreso das xeografías humanas, onde a noite e a fame xamais deixaron de ser unha mesma cousa. Brancos que amolan a negros; pretos que se maltratan entre eles, sen que a brancura divina, entre si, deixase de facer o mesmo. Á memoria insurrecta chegan os versos de Celso Emilio Ferreiro, que lembro e cecais deturpe: “Aínda que as nosa palabras sexan distintas/i eu branco, e ti negro…”

E chegan ao cronista as “lembranzas” do aparheid en distinto papel de festivo en prezo e causa de ordinario diario, porque son días de loa e aparente tregua, con Nelson Mandela a medrar e desmedrar no seu cadaleito, cal que a morte non for máis ca iso que vostedes ven nas fotografías da imprensa e os ex votos da antropofaxia televisiva, que a continuación amañan con calquera discurso ora pro nobis en calquera credo que un tamén ignora. Coitado Mandela, aos noventa e cinco anos da vida, entre a pobreza e a riqueza, estreitando fraterno a man dos afrikaners, século XX, diverso/divertido cambalache proclamado polo tango idiota que outros invernos de aquí cantaba o cegarato burgués cabo do mar, rúa Luis Taboada, vello casarío aínda en pé da BPS de torturados e torturadores, in nomine de algo que o ministro español Wert di democrático, mesmos días nos que Feijóo procura que os altruístas empresarios galegos poñan os euros/dólares en Cuba, sempre regresando, retornando, de algures para ningures.

Parfume, arôme, essence. E abrimos o libro ao chou, no empardecido de Trives, cando as sombras do escuro caen enriba da Casa Grande, e cento e pico e pala de quilómetros non son nada e pouco logo do Rodicio, horas de feira entre os caldelaos do Castro, onde Xulio Fontes amosa un arlequín que el propón “Fazuleiro”, deixémolo así: “Agora é todo isto, a folla do pasado”.

Máis de cen mil indepencias anunciadas nos soños e outros pesadelos do corazón. Que o vento sexa ben leve aquí para Nelson Mandela. Aló, o que digan ou inventen uns e outras, entre tanta luz de festa e funeral a pasar polos pronomes.

Te puede interesar