Opinión

Que podemos agardar?

Pois nin a Godot, nin aos bárbaros de ningún norte posíbel que outrora fora engolido pola procacidade burguesa do tanto por cento e múltiples intereses en ben –dicían- do progreso e o benestar que tantas veces ouvimos invocar á ladroeira cando a “unidad de destino en lo universal” e “por el Imperio hacia Dios” pousaban os xeonllos nos reclinatorios aterciopelados as damas e os señoritos bendecidos a sangue e fogo polo nacional-catolicismo único e indivisíbel, dándolle as costas á fame, cangadas ou non polo tempo. Xa pasara Quiroga Palacios por Compostela, logo de sentar cativa cátedra polo Cristo ourensán, que coma o de Fisterra seica lle medra a barba, que nós non vimos xamais nestas dúas xeografías da “Nacionalidade Histórica” que é Galicia cal tantísimo lle preocupa e a un tempo esquece, monseñor Rouco Varela, por non dicir el Catalunya, hoxe, e pon no músculo do corazón o seu acoro, in nomine dunha señardade ben distinta da do poeta Aquilino Iglesia Alvariño, a quen moitos dos que len terán coñecido, por se lle ter dedicado o “Día das Letras Galegas”, o mesmo almanaque que nós-outros reclamamos como xornada nacional para Xela Arias e Luísa Villalta, sen saber o que pode pensar disto o actual presidente da Academia Galega (Real), onde Infame tivo infelizmente cadeira de honra.

Claro que é máis fácil falar ou escribir da ruína provocada polo “Prestige” e outros naufraxios, mesmo que o goberno español que arestora dirixe Mariano Rajoy faga bombo e prato para dicir que recorrerá a sentenza onde calquera costa foi negación e morte, ata que chegou Fraga Iribarne ao mediodía de Carnota, coa bufa ou maleta dos cartos para acalar a “Nunca Máis”, e a toda a inocencia que ía limpar a imposibilidade das rochas e os tristeiros areais do chapapote maldito que vertera o barco-chatarra, sen que o capitán Mangouras dixera outra cousa distinta da que dixo e ninguén quixer aturar tanta inútil soberbia capitalista, con socios e axentes coñecidos máis alá do status español e a fútil autonomía galega. “No hai nada más que unos hilillos insignificantes”, explicou o ex rexistrador de inútiles propiedades en excedencia, ministro de España, co outro de cazaría na Meseta, en coutos privados do público erario onde nunca deixou de ir, como Franco, El-Rei de “todos los españoles”.

Quen vai pagar a desfeita? Pois os de sempre, meu señor. Os beneficios, que si houbo, irán parar as mans insaciábeis da burguesía internacional, o resto, incluídas “as sobras do banquete” que dicía Celso Emilio Ferreiro na Viaxe ao País dos Ananos, entre uns e outras, á tristeira e non menos inocente rapañota da historia.

Xa o xuíz Luciano Varela, do Tribunal Supremo español, dixo esoutro día en Pontevedra, que o recurso non progresará.

A sorte está botada, e por máis manifestacións que fagamos, os bárbaros que agardaban os habitantes do poema de Kavafis, fuxiron do simulacro das fronteiras, esas do inmanente material: riqueza e pobreza.

Pecho os ollos e vexo a Rouco Varela de camiño á catedral, cun ducados entre os beizos. Entra democrático nunha taberna e solicita un tinto novo da última colleita. Agora coa mesma piedade mística e arcana solicita e imparte benzóns para uns e outras. Ten medo que a “reserva espiritual de Occidente”, crebe para aló da súa infancia en Vilalba.

“La soberanía nacional” , é intocábel, dixo o presidente Mariano Rajoy Brey, lonxe de Madrid. Confeso laico que non sei moi ben a que parte ignorada do corpus facía el referencia. Se temos que sufragar, iremos coma sempre, co voto na raia devecente, esa boca de pouco pedir e nada dar. Adieu;. à la recherche du temps perdu, con ou sen Marcel Proust no sobrazo deste outono.

Te puede interesar