Opinión

PARADOXOS E ANÉCDOTAS FINANCEIRAS

O vello Manrique coa ironía amargue e mística da vella Castela, España como metonimia e sublimación inútil da metáfora, falaba incesante do río-vida que ía dar inminente ao mar, do mesmo que suliñaba inconsútil o señor Orosio, a propósito do Miño ou Minnium para explicar a proeza desesperada do Medulio para que Amor Meilán suxería piedoso o castro de Azúmara, no planalto lugués. 'Non hai dúbida', dixo Carlos Alonso del Real na entón Facultade de Xeografía e Historia compostelá, recén chegado aquí Balil e sentar cátedra e metodoloxía: 'O Medulio está nas médulas de Carrucedo, un pouco antes de chegar a Ponferrada, ultrapasado Montefurado, a carreiriña dun can da Rúa e Petín. Explicar ou non o asentamento do suceso nun outeiro ou noutro, carece de interese mesmo etnográfico, se for posíbel calquera manifestación antropolóxica, como malgastou ou esfarelou o tempo o estudoso Carmelo Lisón Tolosana, á procura da 'buxería e estrutura social' na Galicia dos últimos días do século pasado, quen non levou de conta a distribución si mítica da lingua galega e interpretou (traduciu) como el mellor 'acertou' a entender a ordenación e o humus lingüistico galego. Ao noso poeta nacional Manuel María, facíanlle moita graza as traducións que con menos ou certo cativo acerto chegou facer Lisón das palabras dos habitantes da Gallaecia que o estudoso grabou aquí e acolá. Os libros deste estudoso aragones-castelán foran no seu día publicados pola editora Akal, en Madrid, na que enton influía moito o actual presidente da Academia Galega, coas benzóns e naturais desculpas se me trabuco no que conto.


Puidera ser que o que antecede non veña a conto do enunciado, mais un coida que si, e sobre todo se perciben que calquera 'disciplina' da vida laboral (empresarial) ou académica ten moito que ver co universo menos abstracto das finanzas, onde unha cousa dispar é, cabo de todo, a orixe da outra, como algures do almanaque explicaba o profesor mentado no primeiro andar deste relatorio, de maneira que o Medulio citado non era senón unha unha estratexia criminosa do que coa licenza debida, un permítese denominar 'paleocapitalismo', moitos séculos antes de que Marx redactase O Capital, e aínda menos tempo aquel no que o historiador andaluz Ramón Carande escribise, máis parcial que sesgado, a historia e as orixes da banca española. A física lingüística explica abondo o decurso do vivir, os ríos manriqueños, o mar da vida e a morte de calquera ser. Acaso calquera deus menor ou maior constituído ou inventado na alba abrupta da historia non é tamén un negocio semellante a calquera estado burgués (teocrático) dos que agora rexen os destinos deste planeta único e habitado? Non custou sangue, suor e acedas bágoas implantar a propiedade que en calquera caso non deixou de ser un roubo ou unha estafa histórica que se resiste a desaparecer?


E a todo isto chegou o xenro de El-Rei de España, e Bárcenas, e Blesa, esoutros dirixentes de tanta industria así pública como privada, e a cada xeira menos da primeira entregada aos brazos da segunda co visto, prace e axuda inicua do status que se di das mulleres e os homes que conformamos a mentira e a xeografía idealizada.


Os ríos non rebordan e asolagan as terras habitadas polo homo sapiens, porque nesta primavera chovese máis do agardado: non ho! A especulación foi o primeiro paso. E tanto ten o Elba na Alemaña como o Arga na Nafarroa. A climatoloxia sempre a mudar, fixo o resto, e a auga procurou as canles arrebatadas por calquera caste de negocios. En Vigo, sen ir máis lonxe, poderíamos ter 'catástrofes' parecidas, aínda que as secas cíclicas, na compaña do 'progreso' fagan que perdamos o norte das nosas vidas. Bótenlle unha ollada ao Lagares; ao Miño en Ourense, ou en Lugo. Memoricen o mar que cantaba Martin Codax; o Eume dende a corda do Xistral á ría de Ares. O Tea; o Miñor; o Cabe, o Mandeo betanceiro?


En tempo vindeiro, se cadra, regresaremos a esta mesma narración, ás estremas onde a verdade apenas se distingue da mentira.


Te puede interesar