Opinión

Outono pimenteliano

Viña de cumprir o neno doce relados anos cando no frío gris e sentimental lugués falecía o poeta Luís Pimentel. Que alta alegría recuperar a palabra, ou retornar a ela, logo de tantos días estremecidos e estremeiros na Praza Maior! Le temps retrouvé, deixara escrito o gran memorialista francés Marcel Proust, que finara nos días da Belle Époque, outro novembro semellante a este que hoxe remata definitivo e amoreado de problemas para as mulleres e os homes sen un traballo digno que dea, alomenos, para resistir na precariedade da barbarie capitalista que explota e espolia impiedosa calquera xeografía do mundo, na que obviamente a negada nación galega non é allea, por máis que as gobernanzas estatais, autonómicas e municipais digan arestora Diego onde outrora fartaran de dicir digo. Desaparecía o adolescente no mes de abril de 1958, dous meses despois da morte do autor da Sombra do aire na herba, e aquel Barco sin luces que loara Dámaso Alonso, da “irreal” Academia de la Lengua Española, ao abeiro de San Millán de la Cogolla, Burgos, onde o imperio esfiañado quixo as orixes crípticas do español, para negar calquera outro idioma da mítica Iberia, se cadra. Pero todo se derruba e arruína nun santiamén, polo implacábel da física lingüística que ignoran os sabichos e os “sabios” que leron por enriba o Mio Cid falseado por Menéndez Pidal e outros españois coma el, mutatis mutandis. E todo e nada forma parte da negación perpetua, como a paz abrupta de Kant na choiva impenitente de Compostela mentres agardabamos o Castromil no vello casarío, para irmos a Vilachá, parte e arte de Tagen Ata.

Os merlos pousaban nas ponlas dunha alameda de álamos enfermos o día 13 de febreiro de 1958, cando a morte do poeta, xa inverno cru, ben lonxe da outoniza gozosa que decote memoraba Fole ao abeiro dun dos seus heterónimos, cecais Neumandro, co que xa tiña asinado algunha crónica en El Pueblo Gallego que fundara Portela Valladares case ao tempo que ORGA, incautado in nomine da Falanxe polo militar español Fabián de Caso, en Vigo, a quen saudamos decontado, sen saber quen viña sendo, na desaparecida Asociación da Prensa, na rúa Marqués de Valladares, transverso da “Marisquería” e ningunha luz de bohemia, nin sequera a de Manuel Colmeiro, un dos grandes da plástica galega, sen esquecer a Maside e outros homes e mulleres que proclamaron a nación á marxe necesaria do nacionalismo “ideolóxico” que tamén representaban tristeiramente Franco, Hitler e Mussolini, tal que outros moitos alén-mar, e outras extinguidas fronteiras que non sabe un moi ben se desaparecidas ou non nesta Unión Europea de mercadorías e arcanos libertos desafiuzados polas casas usurarias da burguesía internacional que acredita hipócrita e abxecta a democracia de tantos dereitos para a ladroeira e un senfín de obrigas para o homo que nada ten, nin sequera que perder nos paraísos do progreso e aderezos de inmanente alivio, cabo das vellas feridas que non dan caltrido.

Pasa Pimentel outo e enxoito, coa pucha calada e de garavata pola rúa Bispo Aguirre, desaparecida Batitales, igual que cando cavilaba o rianxeiro Manuel Antonio, intempo de Vigo, polo camiño a Baiona, na procura do Navy Bar, que non sei se houbo e aínda hai. Ah, o adolescente era Manuel Trigo Quiñoá, un pouco antes ou despois da primavera de abril.

Te puede interesar