Opinión

Ouro, incenso e mirra

E todo se adianta a todo, pra que non digan as mulleres e os homes de calquera guerra e distintas treguas ao longo da vida e calquera historia. A quimera do ouro é incesante, aínda que el non sexa máis que unha metáfora e distintos os destinatarios. Non sei que podería pensar disto que escribo Gabriel García Márquez, arestora ensumido e devorado polo alzheimer. Unha vez escribiu nun dos relatorios aínda non catalogado polos burócratas –xunto con outros- como o pai do “realismo máxico”, que el igualaba o ouro coa merda. En español ficaba así: “Tengo perfectamente identificado el oro con la mierda”. A gobernanza estatal e autonómica da nación “única e indivisible” coa que tanto enche a raia que outrora foi boca de pedir e nunca dar, autofelicitanse in extensum pola subhasta e afortunada venda de Novagalicia Banco a Banesco, xa propietario do arcano Etcheverría, que for hoxe Etxeverria, atentos á lingua nacional de Euskadi, entidade digo, que o mozo viu por primeira vez no vello Betanzos, aló polos anos 60 do século XX, cando dende a Praza Naveira, aba do castro, ía falar con Francisco Vales Villamarin. Lembra un alí unha carnecería equina, e moitos antes e despois orela do Mandeo e o Mendo.

Quere un dicir que as casas financeiras sobran de patrias e xeografías sentimentais, por máis que usen delas entre a circunstancia e a condónima das orixes da súa nacencia, sen outras condicións que emprestar os seus servizos, cuxo paradigma referencial atopámolo sempre en Wall Street.

O que vimos de ver e ler, permitida sinomia, non é máis que un adianto do ouro, incenso e mirra que os Reis Meigos levaran ao berce do meniño, logo de tanta friaxe e longa viaxe en relatorios de milagres, enganos e estafas, agora tamén suavizada a vida por outras altruistas bondades da burguesía enfebrecida polo ouro e o Papá Noel que agabea polos escapartes do comercio e algunhas casas que vemos polas rúas de calquera cidade ou vila, antes e despois de que a noite caia enriba da nostalxia dos pronomes.

Que un banco de “orixe venezolana” onde agora goberna o chavismo que uns e outras tanto detestan, non é unha unha especial ledicia. Por case cinco mil millóns de euros que o erario público español/europeo puxo para limpar de pó e palla a historia universal de calquera infamia, o FROB non ve mal a operación, polo prezo de 1.003 millóns. Benzóns.

A gobernanza guinda no ar deste decembro, con máis frío do agardado ou previsto polos institutos meteorolóxicos do Imperio.

E poida que leve razón o patriotismo empresarial á mantenta, o sindicalismo de corazón e os señoritos de toda a vida.

Nos xulgados decontado, hai montes e moreas de papeis a propósito dos outeiros desta e outras piedades. Non sei cal será a opinión dos señores maxistrados, aínda que as causas e as cousas sexan distintas, “e eu branco, e ti negro”, como escribiu Celso Emilio Ferreiro.

Te puede interesar