Opinión

Ondas que eu vin veer

É obvio e que un está a se referir a Martin Codax, que escribimos así por respecto a grafía medieval, segundo apostilou o profesor Tavani. O trobeiro que a erudición ad hoc adscribe ao século XIII, é máis que probábel que esribise as sete cancións moito antes do tempo proposto polos estudosos da lírica medieval, ao noso xuízo mal chamada “galega-portuguesa”, cando abonda dicir só galega por moitos recados que arestora non fan ao caso e tentaremos argumentar sen animosidade noutra crónica, por máis que sexan non poucas as razóns que nos leven a Portugal, ou ao revés, mutatis mutandis. Deixamos pois, para outras horas dos días, esta proposta, para entrarmos nos calendarios que evocaban o amor cabo das ondas e no sagrado de Vigo, non sei se antes ou despois de que Meendinho cantara á vista das dúas pequenas illas de San Simón, onde o zarraran as mesmas vagas, que nalgures dinlle vagallóns, como eu teño ouvido dicir do Silleiro para alá, en Fisterra e na estrema de Valdoviño, ata chegar ao gris inveterado dos ártabros, de onde chegaban a Lugo, polos camiños de ferro, as sardiñas, os lirios e os meros, como antano entrara na cidade augusta asentada no lubre, o xoglar Fernando (de) Esquio, cecais dende a lagoa de Cospeito, onde el vira as aves ferir de morte, con frecha do arqueiro na man.

Ondas de máis de seis metros, anunciaban outros días deste alto outono os servizos meteorolóxicos do Imperio, con sucursais ou legacións na comunidade autónoma ou eremitoria (como ben dicía Vítor Vaqueiro), e xa os barcos de ferro amarrados ao abeiro dos peiraos, por ver se todo amainase para volver botar os copos no mar derrotado nas rías arruinadas polo “progreso” e outras miserentas “sobras do banquete” que arestora percibimos daquela maneira, cando sabemos de Pescanova e outras industrias derivadas dos océanos que tan ben entendeu o noso inesquecíbel Valentín Paz Andrade, aínda que el nos “anos escuros” for avogado defensor dos mariñeiros devidos en armadores de Bouzas. Recordo que Fraga Iribarne botara pestes contra del, cando xa non era ministro de nada no franquismo, e arelaba representar a España na Xunta de Galicia; e así foi, ata que un tristeiro “bipartito” botouno da gobernanza da “nación negada”, non sen antes “instituír” as medallas co nome de Castelao, á rapañota, como aínda proseguen outorgándo. “Estades incursos nun delito de apropiación indebida”, dixeron un día, pero eles non fixeron caso, e levaron os restos da mortalla do exiliado a San Domingos de Bonaval, a carón de Rosalía e outros galegos ilustres que eles e elas negaron in nomine da “unidad de destino en lo universal” proclamada polo fascismo español.

“Ai ondas que eu vin veer,/ se me saberedes dizer/ por que tarda meu amigo/sen min?” É a cantiga VII menos coñecida, e que cecais non for da autoría de Martin Codax, pero atribuída a el no Pergamiño de Vindel, apelido este do libreiro e anticuario Pedro Vindel, quen como é sabido, a finais de 1913 ou comezos do 14, en Madrid, “pasaba” as páxinas dunha obra de Cicerón, forrado en pergameo. E alí estaba o tesouro do poeta copiado por outros, logo despois do século que non sabemos ben aínda hoxe, pero que podería ser de mediados ou finais do XII.

É o cantor do mar de Vigo, que tantos outros e outras evocaron noutros anos da historia, é a música que esta outoniza lembramos, cabo ou non das ondas ora manselas, ben embravecidas que retratan e publican os xornais un día despois, as mesmas que nós fomos ver –tamén- nesta derradeira singradura do ano 2013, que agarda os días de Nadal, inverno e aninovo, a seguido, por non variar inutilmente.

Te puede interesar