Opinión

No feliz retorno de Antón Pulido

Proustianamente falando coa paisaxe, que cabo de todo non son máis que palabras a transmitir a emoción en imaxes que sempre son as mesmas, aínda que poidan ser percibidas en distintas formas, segundo quen lea e interprete. Que é a arte pictórica, senón un ideograma ou pictograma en diálogo co espectador de ollar feituras, espazos ou simbólicas volumetrías onde se manifestan expresivos conceptos? Así, aínda que menos enigmático e de abstracións máis claras é a pintura de Antón Pulido, que retorna, sen que xamáis deixara ancorado no mar do tempo e a serenidade a nave da súa dicción, trazo ou aceno, que é esoutro xeito de facer poesía que teñen os grandes xenios da pintura, cal é o caso do artista das Chans de Amoeiro, o mesmo que un día doutra outoniza leda e sentimental retratara ao mestre Otero Pedrayo aló no intempo gris e figurativo de Trasalba, para facer un altiño e proseguir polos camiños da vida, coas súas dores e alegrías, e que estas triunfasen por enriba do sentimento de calquera morte, como o soneto de Quevedo, Amor constante más allá de la muerte, e para mellor dicir, aquela Carta a unha muller futura, de X. L. Méndez Ferrín: “Cun ledo sorriso contemplas/o vello papel…/Pero lembra que agora/estou vivo e vibrante”.

E dende aquelas horas o pintor non fixo outra cousa que non foran travesías e longas viaxes que el bebera de paleta e pincel, cavilando en Kavafis, César Vallejo, ou Antonio Machado, e xustamente alá en Colliure, onde Matisse enfíou o fauvismo, entre o naturalismo e o impresionismo, manifestación que nomeara así o crítico Louis Vauxcelles, cando o outono de 1905, roteiro do que nunca se arredou Antón Pulido, sempre a pintar o mesmo cadro en distintas variacións, camiño do abstracto e a posibilidade infinita do imaxinario.

Quería eu dicir, que logo dese silencio no que o artista nunca abandonou pincel, paleta e lenzo, o noso amigo co que tantos mediodías e outras noites celebramos os almanaques nas rúas de Vigo, e aínda noutras xornadas de Compostela, Ourense e tantas outras xeografías da nación incesante que el nunca deixou de referenciar e reflectir na súa obra, regresa felizmente aos días de Ad duas pontes, quero dicir Pontevedra, tal que antano en Ourense, no empardecido da Praza Maior e no casarío do Museo Arqueolóxico (1968), e volver (1972) na palabra de Don Ramón, sempre el.

Terémolo de novo nesta cidade que nos habita e a un tempo habitamos. Pero hoxe, e ata o 22 de xaneiro do vindeiro ano, podemo-lo disfrutar e mesmo contemplar no Museo pontevedrés, Sexto edificio, onde o noso distinto e mesmo alto poeta expón os seus cadros de distintas singraduras do seu camiño. Alí retorna tan só unha parte do seu labor realizado hai un feixe de anos e as outras obras saídas do decurso deste mesmo ano, coa karmesse flamenga cal “alegría da vida” , que onte evocaban Carlos L. Bernárdez e mesmo Antón Castro.

Sonlle as nobres obsesións do artista, variacións para un mesmo e único tema, para que non venza a traxedia. Eis, para estes días de outono e primeiros andares do inverno, as cores vivificantes do gran artista que sen dúbida é Antón Pulido, para min un dos pintores de nós que retrata a criptica imaxe do tempo como ningún outro, sen negar a ninguén.

Te puede interesar