Opinión

NO DESPERTAR DO DÍA

Terror abstracto, arte cutre, pop art; Warhol é unha sombra esguízara do pasado entre os pronomes esfiañados; fixos descontínuos, a vida pendurada dun fío maldito e godallo, como explicaba aquelas tardes grises de Lugo a velliña do tute cabrón da vida cando aínda non chegaran os ERE/s aos almanaques do traballo imposto pola burguesía capitalista: non hai outra; Marx deixouno claro. Na traseira estaban os credos que da intimidade privada se inseriron no público, cal lagáchimas da mañá ferida. E Mao? Pois máis nada que unha sombra abrupta crucificada polos dirixentes chineses que agora exportan capitalismo e agachado espolio, como outrora da historia fixera a 'democracia' ianqui, cando non guerra, arreguizo para expropiaren in nomine do ouro maldito: o gas, o petróleo, todas as entrañas do planeta subsceptíbeis de cotizárense no lupanario de Wall Street. Ao lonxe próximo o mar comesto, por tódalas Pescanovas do mundo que agora reciben créditos das casas usurarias para salvaren da ruína (que paradoxo!) os traballadores; mullereres e homes da noite e o día, pero máis que nada así mesmas, para seguíren expropiando e desafiuzando sen a piedade que tanto invocan máis alá dos domingos e festas de gardar.


Pero aquí mesmo, sen ir máis lonxe, son visíbeis, mesmo para os cegos de comenencia ou non, diversas facianas da intimperie e as súas correspondentes metonimias procuradas a contrafío polos gramáticos e os lexicógrafos da burocracia e a obscenidade burguesa, diletantes e delirantes, ensaístas de la merde, que no seu tempo xa denunciara Jean-Paul Sartre, na indagación dos camiños da liberdade, aínda non aquel intempo e calixe onde a velliña apostilaba coa mesma amargura: 'Onde has ir boi que non ares'; e o homo retrucaba infeliz no ermo: 'O boi solto ben se lambe'. Era a progresión xeométrica do cálculo infinitesimal da mentira, para entreter a mortalla dos almanaques feridos, atravesados con alfinetes e outros alivios que arestora lembro cando leo a palabra vibrante e viva do poeta, camarada e amigo: 'Removeremos luz estrema terra erma cabaliños do demo/pelícanos pra nada/troitas meniños e meniñas cáncaros/e a morte deixaremos no seu sitio'.


Son, polo de agora, máis de cincuenta millóns de euros/ouro para salvaren os 'postos de traballo', entre paréntese, porque a Comisión Nacional do Mercado de Valores (do imperio español) sospeita que as ganancias eran argucias dos arcanos mercaderes 'venecianos' dos que xa nos falara o señor Shakespeare aquela tardiña doutra primavera en Vigo, ollando o solpor dende o Paseo de Afonso, semellante aquel outro que debullara Xoana Torres a regreso do Ferrol ferido: 'Ver morrer o sol en Rande/un intre de gloria', estampa que ela mesma contaba para min en Camelias Street: Tempo de ría.


E a Mariano Rajoy e a súa ministra Soraya éncheselles a boca devecida de obviedades para contarmos que todo irá ben de aquí a pouco, que España vai polo bo camiño.


Porén, medran os históricos estafadores, mentres a pobreza vernizada, agarda a resurrección, o regreso á mentira, o paraíso.


Na mesma ringleira, fuxindo mesmo de si, Alberto Núñez Feijóo, que fala 'da singularidade da cidade' coma quen fala barato e para a feira: 'Socialicemos as perdas' (coma sempre) e privaticemos as ganancias. Mesmo a pútrida morte está nesa listaxe inmanente de 'espera'. Pasa Roberto Vidal Bolaño, entre as luces e as sombras? Mainamente pousa infeliz a noite, avelaíña da luz, enriba dos últimos tellados posíbeis en Compostela.

Te puede interesar