Opinión

No derradeiro día deste agosto

Non mudaron moito as cousas, aínda que pareza así no decurso e a implacabilidade que deu orixe a ese enigma que chamamos tempo. O acelerador de arestas prosegue o seu camiño cara o infinito que albiscou Einstein entre a dúbida e a desesperanza. O vello Lampedusa, príncipe da decadencia, ocasos e outros crepúsculos, deixouno claro aquela tarde última de verán no azul violento do Mediterráneo que en nada evocaba a malenconía atlántica, calquera xeografía ao norte do corazón. A gramática, cabo de todo, non deixa de ser unha obsesión da idiotez, pero tamén unha necesidade sintáctica proposta pola impertinencia. Que máis dá que na fonética extraviada e embrutecida vostede escriba viño con b, se todo o mundo malentende a diferenza entre un substantivo, un adxectivo e calquera verbo?

A propaganda burguesa sábeo ben, por iso “bombardea” os recantos do planeta con calquera “arma” química “civilizada” cal non é o caso –contan eles- dos exércitos regulares de Al-Asad na Siria maldita polo imperialismo internacional que representa Occidente cal idea usuraria. O napalm que procurou a infamia do Viet-Nam (desculpen o xeito grafar) resulta arestora un acto ciminoso contra a humanidade, como se a católica España non produza e venda nos zocos do oprobio, igual que outrora a usura en Sidi-Ifni, ou nas guerras do Rif para abater o comunismo natural de Abd-el-Krim, que morreu como Aníbal no exilio imposto pola dinastía marroquina, a sangue e fogo, pondo a Alá por testemuña, tan só para o que lles convén, e así perpetuarse no poder.

Cal é pois, a diferenza, meu vello e xa distante amigo que arestora invocas as bandeiras “preconstitucionais”, e porén defendes “con ardor guerreiro” a túa crenza derrotada polos mercaderes a quen tanto admiraches cando a noite caía enriba das últimas tabernas do Xardín en Vilachá?

“Gas butano”, e maldita sexa a graza que che percorría a alma, mentres lle facías as beiras ao impíedoso nacional-catolicismo franquista, e mesmo comungabas con rodas de muíño, tempo no que eras “activo” propagandista da social-democracia que entón “joseantonianamente”, segundo outros, representaba o mestre de camisa azul, xugo e frechas no peto dereito e lado contrario do músculo cardíaco. Para que decer a carne ruín coa que deitaches, mon amic? Entón, non acusabas ao nacionalismo –deixémolo así- de estar Sempre en Galiza, cos seus maís e menos.

Recórdasme un dos contos de Neira Vilas n’A muller de ferro: “Home e gato”, tan contrario a Wenceslao Fernández Flórez no intempo de Cecebre e destruída fraga.

Virá o outono, e logo asentará nos pronomes o inverno gris da vida.

Onde irás boi que non ares. E as palabras últimas deste agosto, ai! a arar no mar, lúcidos coma coellos no monte, indultados polo seu propio invento, a crer no que descren, inoculados pola ponzoña da piedade e o arroubo místico, a sub-liberdade dos tontos que un día tra-lo outro están a se entregar ao xato de ouro que descubristes nas Américas sen puntos cardinais, logo de calquera inútil navegante; os pronomes do enunciado nas singraduras de si. Quinto misterio. É máis que probábel que os benditos mísiles “crucero”

destrúan Siria. A seguido, chapón e conta nova.

O tempo ignorado prosegue a súa andaina.

Te puede interesar