Opinión

Nas altas horas da dor sen nome

Na madrugada do mércores, véspera do apóstolo que nunca estivo en España e moito menos en Galicia, pasmo arrepiado diante do televisor. Os mortos en Angrois nos camiños de ferro sobardan a calafriante cifra de sesenta. Soneco inútil na durmideira sen me deixar de asaltar as imaxes do terror: 00:05h. Ás 08:00h érgome e regreso á pantalla da TV. As imaxes reprodúcense unha e outra outra vez. Xa levan contabilizados oitenta cadáveres e unha morea de feridos de distintas gravidades, homes e mulleres; un meniño de dous escasos anos, adolescencia, xuventude fóra de calquera poema, tan fútil como imposíbel.

Ás 11:00h estou no intempo de Arcade a ollar enviso cara a ponte de ferro por onde tantas xeiras pasei no vello tren, de camiño a tóda-las estacións do norte de si e ningures. Choiva de verán para sosegar o pranto, os saloucos. Procuro a imprensa mentres tomo un café e agardo sen saber que, nin a quen. Se me deixara levar, ai! –botaríalle á alma ou que sexa ela, un grolo de malvasía ou whiski estranxeiro. Un nó préndeme a gorxa e repito a cafeeira chirle e morna cunhas pingas de leite, mentres engulo as noticias. Oitenta ás secas tamén será un número maldito para sempre, unha ferida que non ha caltrir xamais. Cando collas o convoio, mon amour, unha friaxe mortal, poderá percorrerche insubmisa outra volta a ánima. Non fagas caso, non te deteñas, pois calquera sorte está botada, como anunciaron os primeiros existencialistas; nin penses que é verdade que cada un de nós témo-lo destino inscrito no ADN. Non. Tan só é a física máis alá da cuántica e o cálculo indecente das probabilidades, o azar biface, o envés, por non saber que nome lle dar á desgraza, ao infortunio, á casuística, se me permites a expresión. Tra-la noite vén o día, e ao revés; e no medio fican aparentes as tardes, o pórtico ou poxigo do luscofusco, calquera aurora.

A mesma visión na tentativa fútil do infinito para tentar aclarar a traxedia. O tren sae do túnel a unha velocidade que a “alta tecnoloxía” permite, aínda que tamén leva un conductor que nós ignoramos que capacidade de manobra autorizada ten para poder reducir o exceso duplicado moito antes de enfilar a curva mortal; nin tampouco sabemos a cantos quilómetros por hora debe circular polo funil labrado na rocha, para coller con harmonía a virada, e non a esa aceleración disparatada: 190 q/h, en troco dos 80 permitidos, recomendados. A lei da física é tan letal como implacábel así na recta como na revolta: un minimo intento de freada resulta fatal.

A evidencia é incontestábel: exceso de velocidade.

Sen tentar criminalizar de antemán a ninguén, xa que carecemos de elementos de xuízo, a proba está aí, pero o “imperio da lei” non pode imputar á vangarda tecnolóxica, nin a ningún ministro da gobernanza española, nin aos “científicos” adscritos á RENFE e outras empresas colaboradoras no deseño e funcionamento do híbrido de “alta velocidade”.

A brutalidade do excedente é irrefutábel. O accidente e as súas consecuencias non teñen xa remedio. Pero, aínda que tristeiramente lamentábel, a hora fatídica de Angrois debería servir para evitar calquera outro suceso semellante a esta dor que agora vivimos.

O xuíz Vázquez Taín, ten arestora unha responsabilidade moito maior ca do roubo do “Códice Calixtino” por un electricista tan zafio como patético.

O que diga a “caixa negra” non é nin moito menos unha proba definitiva; tan só un indicio, unha conxectura que pode agachar outras cousas que o mellor chegamos saber de certo; ou non. Modere o “progreso” a súa voracidade, dito sexa con todo o respecto posíbel e imposíbel do mundo.

Te puede interesar