Opinión

Na fin de setembro

Onte fun apañar unhas ponliñas de fiúncho, ou fionllo, para o tempo vindeiro que sei de castañas que este ano sospeito abondosas, cecais polas altas temperaturas acontecidas en agosto e aínda este setembro que boquea entre un feixe de penas e ben escasas glorias que levar á raia que outrora foi boca devecente e devecida. Os labregos contan que un pouco de auga, no seu día, non lles viría mal cando os últimas horas de agosto e derradeiras deste que agora está a dar a volta no arcano dos almanaques que transcenden a calquera infancia. Nas paisaxes do lubre abrupto e sentimental a xente aínda os nomea castiros, e poucas veces castiñeiros. Lémbrome dos soutos da Laxosa; ou Quinte aló no memorial do Corgo, e o arruinado Portomarín, grazas impagábeis ao progreso que trouxo FENOSA, da man do Conde nomeado polo Infame, logo da contribución daquel afouto empresario ao triunfo do fascismo en loita desigual contra a segunda República española. Fágase a luz eléctrica nas sombras imperceptíbeis da Galicia do carburo e o candil… E nun ipso facto interminábel, se me conceden a licenza, desapareceu para sempre a Santa Compaña propalada pola piedade cristiá, as mesmas visións que aínda hoxe se representan entre vivos de todas as castes en distintas procesións que conforman a España “única e indivisible”, segundo proclama o patriotismo alegórico de uns e outras, para contrarrestar, se cadra, o sentimento nacional de Catalunya, Euskadi e mesmo Galicia. E non será un quen diga que non levarán a súa razón os homes e mulleres que defenden “la unidad sagrada de la Patria” cal “unidade de destino en lo universal”.

Recordo que aínda non hai moito tempo, un alto militar español, nun acto público dixo que a patria era un sentimento anterior a nación, e só España. O actual ministro García Morenés chamouno “á orde”. O certo é, paréceme a min, que os conceptos de unha e outra nomenclatura converxen, mestúranse, inxírense un no outro, así tanto que non é doado distinguir outras posíbeis acepcións. Nación vén de nacencia, e patria procede de patriarcado, para sermos máis exactos. Casar as dúas ideas en evidentes vodas de sangue foi o que fixo o “nacionalismo totalitario castelán devido en español” durante moitos anos, e desculpen se cren que as palabras entre aspas non son do seu agrado, porque é posíbel que eles/elas non entendan así a definición. Nación: dereito a figurar como tal na confederación europea non é ningunha lilaila do sentimentalismo patriótico. Deliberemos pois, a orixe do status e as súas necesidades nesta Europa de ricos e pobres; de euros, mercadorías; montes e moreas de mentiras e outras flores fóra da súa primavera, e puntual invernadoiro.

O federalismo podería ser a solución, se é posíbel compaxinalo coa monarquía, termo antagónico de calquera democracia, por máis/menos figura decorativa que sexa aquela. Pero do mesmo xeito que se instituíu a democracia parlamentar e burguesa, non sería moi difícil chegar a un encontro, no que se recoñezan máis alá de “nacionalidades históricas” as tres que nidiamente responden a tal condición aceptada e proclamada pola Constitución…

Participar da liga de aquí ou alí, non é o problema, como tampouco é que o goberno español reclame a soberanía de Xibraltar na ONU. Abofé que as feridas aínda sen caltrir, sonlle ben outras.

Mañá imos procurar nébeda para outro magosto de mel e alivio.

Te puede interesar