Opinión

A MORTE

A morte encolle o corazón e a posibilidade existencial e abstracta da alma na súa posíbel interrelación co sensitivo de nós, e máis aínda cando a parca nos sorprende na crueldade desapercibida de calquera domingo de verán, logo dunha cópula xa inútil para a perpetuación de calquera especie, e moito máis arduo para o homo sapiens que con tanta soberbia inútil representamos ao longo dun ciclo vital e horas sempre contadas. Non acredito ningún determinismo na historia, e para nada creo no destino que apenas ten que ver coa información ?digámolo así- xenética que seica levamos inscrita en cada unha e todas as vísceras, músculos, veas e arterias do corpo, incluíndo os ósos, a última verdade para determinármonos máis alá de calquera hipótese posíbel: o ADN.


Houbo un tempo no que o Carbono-14 aclaraba case todo, sempre e cando a implacabilidade da física non fora remexida polas habilidades do home en estado puro, animal e animalizado, que á fin e ao cabo vén de alma=ánima, platonianamente falando, sen desbotar a inocencia mística dos aristotélicos, nais, pais e fillos de toda caste de credos, á procura do fútil escatolóxico, que é unha maneira de perder o tempo coma outra calquera para que a burguesía astroloxista faga o seu agosto en calquera mes do ano, sempre cal tafures do imperio, coas cartas marcadas moito antes de se iniciar a travesía, en sutiles e menos indelicados billetes de calquera banco ou casa usuraria do mundo, para continuar a explotación sen fronteiras entre a pobreza e a fartura, ata confundir e mesturar a unha coa outra, e cando a máis mínima das consciencias percibe a súa condición, xa no cognitivo non é posíbel o regreso, o arrepentemento de tanta criminosidade agachada in nomine do progreso e a condición humana, porque a última recordanza da miña vida, amour, non é máis que a memoria do fracaso. 'Tomo pílulas para non envellecer. Farmacoloxía para evitaren o deterioro de ver medrar os días sen fin, mentres espigan os dividendos nas casas usurarias'.


Son palabras cando as horas últimas do domingo caían imisericordes no xardín abandonado da casa. Agora falecemos dun ictus, unha abreviatura aglomerada da morte que encolle aos vivos.


Hoxe ti. Mañá podo ser eu, ou aquel viaxeiro fuxidío que pasea o empardecido polas alamedas da cidade, e olla con fervor melancólico a lúa na súa plenitude.


Morreu Rosalía Mera cando ninguén agardaba que a tarde de Ibiza sería a última da íntima memoria do iris que agora esluírá definitivo como unha canción que non atopou quen a cantase cando as ondas devalaban no Orzán da nosa xuventude.


Na imprensa dixéronse moitas cousas a propósito da vida e a obra da finada; entre outras advertiron que ela foi cofundadora do grupo Zara do que un recorda un único establecemento na Coruña dos últimos sesenta, cando ela mesma atendía á clientela xunto con Amancio Ortega e creo que un irmán deste.


Antes de falecer o Infame, xa tiñan comercios por toda Galicia? O resto xa é público. Inditex empregou a moita xente, aquí e aló, pero as condicións ai! mellor non falar delas nesta hora. Contan que Rosalía nunca esqueceu as súas orixes, poida que si, pero non moi alá, malia as súas piedosas obras.


A morte encolle, e moitos seres dixeron, logo de todo, que de ben pouco lle servíu á defunta ser en vida a muller máis rica de España, entre outras que non están na estatísca dos camiños do vivir a calquera prezo imposto a sangue e fogo pola barbarie capitalista.


Te puede interesar