Opinión

MOITO MÁIS DE CEN ANOS DE SOEDADE

Medramos aparentes, sobre a dureza da pedra, que é o mesmo que dicir que o home ?calquera que sexa el- ergueu o seu progreso enriba do fútil e a fugacidade atroz e patética do banal; e así morremos, aliviados na desesperanza inútil da resurrección da podremia que cabo de todo é ese amasillo de carne e ósos que representamos: materia certa e espírito etéreo, aí onde os primates fixeron calquera agosto da súa existenza. Antes de Cristo, non había ningún santo que levar á boca comesta pola fame de saber e non, só o pronome incerto e inseguro diante da natureza. Calquera vida é a desmemoria do lume, para ben e mal, entendendo a auga do mesmo xeito e a distintas temperaturas. Eis, entón, a manifestación do escatolóxico conductual só capaz de ser explicada polo homo moito antes que Darwin, sen negar o creacionismo teodiceo, entendese a adaptación evolucionista de calquera ser no relativismo inconcreto do hostil, ou cecais menos adverso para o desenvolvemento das formas animadas no infinito.


Luz de agosto, dixo aquela tarde na gándara derrotada a velliña do tute cabrón do vivir, mentres os peisanos agardaban en distintas paisaxes a proba inequívoca do ouro maldito do mundo proxectado en calquera curva ou recta percibida pola deformación do ollo enmarcado no imaxinario do iris abstracto e deformante: a retracción da retina que a física oftalmolóxica explica para darmos os correctores necesarios moito antes de adentrarmos nos corredores do escuro, da néboa; dos días amerados que non son outra cousa que o restroballo de calquera mañá a principios do outono a vir, aínda que a vida ben puidese semellar outra visión. Tentei aclarar ?tal vez- a interpretación dos místicos palmarios a propósito descarado da idea dun deus in-común, orixinado no visceral do animal, sempre alonxado da razón, calquera que puidese ser ela.


Así, o abstracto resulta o íntimo de nós, aínda que non tanto para se remexer uns e outras, decote, na idea abstrusa do posibilismo e as súas distintas e non distantes fronteiras, que non deixa de ser unha proposta para a destrucción da harmonía.


A travesía precedente, con todos os respectos e as súas posibilidades, non é máis que unha reflexión verbo da soidade, e non para eludir o noxo da nostalxia. Un pouco de literatura poética ?con licenza- non lle acae mal a ninguén. Leo na imprensa que as deflagracións (enténdase ben) retornan á Ribeira Sacra. Observo como o status deixa apodrecer o significado e o significante das folgas, mentres os traballadores procesionan a contorna do Gran Hospital. E todo será por fame e leve terror. O mundo é, non outra cousa.


Nas 'historias do No-Do' que agora repoñen na TVE, o ministro Arrese, capitalista sentimental, manifestábase contra a condición que lle era propia para a democracia burguesa, versus fascismo. Na súa interesada ignorancia todo, 'prietas las filas', a se confundir con Marx.


Chamémoslle 'POVISA', ou 'PESCANOVA' e outras nomenclaturas do reino animalizado que deu orixe ?moito antes de- á barbarie, coa que Franco e os seus acólitos tamén comungaron, cando Fraga Iribarne chegou a Vilalba, arrepentido, para presidir a Xunta in nomine da España vaticana que tanto admiran uns e outros, incluída a señora ministra de fomento da actual gobernanza española.


A morriña transcorre entre o fuxidío e a indiferenza. Pasan os ciclistas da volta española en Galicia, e a xente entra 'en picado' na éxtase sentimental. O can de San Roque procura unhas codias de pan para o día, e pouco máis, mon amour.


Te puede interesar