Opinión

As mensaxes entre uns e outras

Mariano Rajoy Brey, ex rexistrador de non inútiles/útiles propiedades, á sazón presidente do goberno español, non nega as palabras entrecruzadas entre el e Luis Bárcenas, un home que a min faime recordar a Marlon Brando na interpretación do “Padriño” hai xa uns anos das nosas vidas paralelas, sen un Plutarco que as contar, e iso demostra, aclaraba nantronte –despois de tanto silenzo e falar para a feira- que a gobernanza española representada arestora polo PP non admite nin admitirá calquera tentativa de extorsión e/ou chantaxe, do francés chantage, se vostedes queren. E non serei eu quen diga que no leva razón o paseante pontevedrés que un día fora retratado ao paso pola Sexta Avenida de Nova York, cun xaruto entre os dedos da man esquerda, ora coma naquelas tardes de agosto e Pontevedra, con pano vermello “navarrico” no colo, contemplando os touros por enriba do valo, que na linguaxe taurina e abrupta dinlle barreira, algo que hoxe deostaría o seu avó Mariano Rajoy Leloup, quen un pouco antes da infamia perpetrada polos fascistas en 1936, defendía o Estatuto galego que tamén defendían, entre outros, Castelao; Bóveda, Novo, Adrio Barreiro (irmao do meu amigo Gonzalo) e outros mártires non precisamente da “Falanxe española” que tantos anos evocaron en Bouzas, cabo do vello consistorio que hoxe eslúe e esmorece no corazón da vila onde os resíos e outras arcanas searas e birtas foron mudados en rocíos, mesmo moito antes do sinistro nacional-catolicismo que calquera de vostedes puidese imaxinar.

Que o partido hoxe en moitas gobernanzas da “unidad de destino en lo universal”

fora financiado de xeito irregular (ergo ilegal) entre homes e mulleres de aquí e de aló, non é nada que saia fóra do común saber e entender a “Historia de España”: sobresoldadas en branco e negro, como cando lle pediran render contas de campaña ao coronel Gonzalo Fernández de Córdova, “El Gran Capitán”, alcume propiciado pola ignorancia… “Y lo demás?” “Lo demás, el resto, señores, en palas, picos y azadones”, cando todos e todas chucharon da vaca louca (erario público) e outros altruísmos e cínicas filantropías empresaríais, sen ánimo de lucro e demais gravísimas contradicións nos termos da razón de ser da barbarie capitalista que nos asola e destrúe.

Pero hai que lle dar carraña ao pobo alienado, colonizado; panem et circenses, para que calquera fámulo asuma sen rechistar a súa condición de excravo chegado a liberto, con tarxeta de duro plástico ouro ao abeiro de calisquer casarío usurario.

“Xa son libre”, exclamaba melancólica a dama na noite do areal, cabo do devalo, intempo e destempo do mar, en Vigo, e sen un Martin Codax nin Mendinho que levar á raia que foi boca e memoria esfiañada do almanaque furado con alfinetes de alivio.

El-Rei de España, en Marrocos. Bárcenas no cárcere común de Madrid; e o roubo sempiterno, o refugallo e outras mentiras, ai! nos apuntes esquizoides de toda a banca mundial ad hoc, ao abeiro do FMI, que logo de múltiples estafas pídelle á ladroeira institucionalizada que muden en catro miudallas os xeitos despiadados do espolio nesta non nova historia universal de calquera infamia.

A Rajoy, Cospedal e outros etcéteras pasábanlle as substanciosas “propinas” polos servizos prestados, sen máis “cortapisas” nin mínimos beneficios. Cabo de todo é algo común na historia da nación española e “café para todos”, na desmemoria duns e doutros.

O xuíz Pablo Ruz, “aplica”, con tódo-los respectos, a lei da democracia burguesa, e non deixa de facer o que ten que facer. A teodicea hai que deixala para a intimidade íntima e tal vez última das persoas, alá onde deus, calquera deus, é unha figuración na néboa.

Que fale Rajoy, pois, o que el quixer dicir, así do que sabe como de tantas outras cousas que abofé ignora. E veña a barallar, mentres os tafures do imperio deixan pegadas nas cartas, nos MSM, que un non sabe moi ben de onde proceden as letras, o tempo, tan escaso de palabras.

Que é dos outros señores daquela vida e esta morte?

A rebaixas continúan, para ben e mal de todos. “Sabe Dios de hoxe nun ano…! –exclamaba a velliña do tute cabrón da vida, na fresca feliz e indiferente de tantos días e outras desmemorias.

Te puede interesar