Opinión

Memoria, sen máis

Así de sinxelo, sen outra argumentatio. Pero claro que as cousas non son como foron, senón como se recordan ou queren recordarse, para lle dar sentido ao esquezo, sempre na inútil fronteira entre a realidade e o desexo, entre o pecado e a perseverancia, se houber certo o primeiro e a contumacia subsecuente. Un tribunal non indeterminado de Dereitos Humanos rexeitou a “doutrina Parot” que no seu día estableceu o codex español, onde se negaba o dereito inherente ao homo, aínda que este cometese os actos máis execrábeis que calquera semellante puidese imaxinar, negándolle a posíbel redención na pena ditada polas leis burguesas e o ultraliberalismo “benpensante” que nunca foi acusado de propiciar a desigualdade cal alicerce doutras manifestacións do horror, porque por tal só entende o que lle interesa entender, e nunca considera os despedimentos á mañiza, os desafiuzos, a desprotección sanitaria, a educación e, en xeral, toda canta benzón proclama a ambigua Constitución e outras declaracións de propostas universais que o status asinou. E todo semella tristeiramente papel mollado, e máis nada que un simple e hipócrita discurso de intencións de babor a estribor; de proa a popa, se me permiten o uso destes termos mariñeiros. E cabo do arrepío que ninguén deixou de desaprobar en diversas versións da traxedia, aínda sobardan casos e estampas “cinexéticas” para ser levada tal conducta a calquera tribunal dos que eles mesmos constituíron en ben da súa seguridade e perpetuación no Poder, nas non moi distintas formas de gobernanza que este esparrexera á rapañota coma nos vellos bautizos do Imperio, no que con tanto “ardor guerreiro” participaron vítimas e verdugos, e todo por nada, e ao revés. Que un ruín violador “convicto e confeso” saia do presidio neste totum revolutum europeo de pobreza e riqueza, non deixa de ser, se cadra, unha amarga ironía, e até aí entendo a tristura dos que sufriron semellante baixeza e criminosa actitude. Así enxergo a carraxe de calquera “asociación” ad hoc contra o espanto que deixou seres humanos no asfalto putrefacto do mundo, esixa contas, xuros e garantías ao actual presidente do goberno español, que este, nun acto de piedade institucional burguesa, como rexistrador de inútiles propiedades que é, derivou o trasunto aos misterios ou ministerios de xustiza que el defende dentro da orde inevitábel da Unión Europea e falsa harmonía democrática internacional capitalista, onde os tafures do Mississippi, trileiros metamorfoseados en elegantes “síndicos” da bolsa onde calquera podricalla é susceptíbel de acadar altos prezos no mercado de valores e demais estafas doutra historia universal da infamia, entre ruínas e rebaixas. A “cadea perpetua” non existe en ningunha democracia que se preze, nin tampouco a pena de morte que aínda resiste en moitos casos do paraíso americano que agora mesmo administran con tantítisimas dificultades os demócratas de mister Obama. Quero eu recordar porén, que o Occidente civilizado que eles representan en primeira liña, foi cómplice dos asasinatos de Sadam Husein e Gadafi, e por este último aínda agardamos que a Corte Penal Internacional faga xustiza prometida.

Claro que haberería que mudar democráticamente as leis que rexen o status español, e incluso reinterpretar –insisto- as nomenclaturas que definen o terror, a violencia en calquera das súas manifestacións, non só a de xénero que toda-las horas dos días asoma cruel polas páxinas dos xornais e as pantallas de tv.

Cabo de todo, e non deixan de levar a súa razón, a economía, é o máis importante, para sabermos se sairemos ou non da desfeita na que nos meteron cos votos, ignorantes ou non, os herdeiros dun franquismo trocado nunha liberdade condicionada e sentimental, con “café para todos”, e máis para aqueles que acadasen en “boa lide” os mellores empregos na miseria da globalización, por enriba do ben susposto, e de calquera mal.

Te puede interesar