Opinión

Luísa Fernández Rodríguez

Eu creo recordar a Luísa Fernández de cando as altas primaveras de Lugo, cabo da luz do parque Rosalía de Castro, estudante de maxisterio, como se dicía aínda non hai moito e xa non sei cal ha ser a súa nomenclatura agora, pero seica substituída pola pompa banal de “ciencias de la educación”, que logo de pasar polo pontillón de ‘educación xeral básica’ (EXB), ficou reducida á antesala da prima adolescencia, ata chegaren as meniñas e os meniños a idade innúbil e fugaz da ESO (educación secundaria obrigatoria), nos antigos INEM (instituto nacional de ensino medio), do puro e duro franquismo, ata mutar nos IES actuais. Luísa rematou a carreira, e coido que non chegou a preparar as oposicións para optar a unha daquelas prazas nas escolas unitarias ou agrupacións escolares que entón manexaba ao seu antollo, entre outros acólitos do réxime perverso español un tal Ibáñez Freire, do ministerio de educación nacional (epopea de Fraga Iribarne), e despois educación e ciencia, ata acadar a noxenta actualidade de Wert regresivo e reaccionario, coma unha manchea de varianzas no primeiro enunciado, porque nesta hora da falaz democracia burguesa que arruína a uns máis ca outros, aínda que os dramatis personae e outros aleves figurantes desta divina comedia se lles encha a boca ao falaren da igualdade e a xustiza necesaria. Catorce anos eran os precisos para que a infancia –debelada – do Estado nacional-católico entrasen no mundo da explotación sen fronteiras, cuxos inicuos alicerces sen lindeiros transcendían a calquera misterio insoportábel, entre outros o da santísima trinidade en diferentes camiños e en calquera relixión. Lembro a subpúberes canéforas in-rubenianas e galegas acoradas pola piedade social polo “imperio hacia Dios”; e a adolescentes cunha sombra na boca devecida espaventando o medo ruín nas atardecidas de Fisterra, nos peiraos do oprobio e a morte, hai algo máis de corenta anos de sangue e pútridas bágoas endomingadas, entre o loito e o alivio. “Meu pai afogou nun festivo do mar; ímoslle levar pampillos ao areal de San Roque; ás veces á noitiña de Sardiñeira, tan tristeira ela, aderezada de violeta e canguelo”, contaba aquela rapariga de catorce anos, camiño do Pindo.”Din que en Rusia é igual, aínda que os ríos son coma mares, explicaba o médico-arqueólogo Francisco Esmorís Recamán, que seica atopara o mítico Duyo en Vigo de Mallas, a onde unha noite de frío e inverno fora beber purrela aínda sen denominación de orixe na compaña duns mariñeiros señoritos de alí.

Parte da historia que veño de debullar sabíaa moi ben Luísa Fernández Rodríguez, natural do arcano Castro Dactonium, quero dicir Monforte de Lemos, beiral do río Cabe, Val do Mao, predios de tantos outros Mecos que non veñen nos manuais da historiografía asilvestrada, case cimarrona, onde medran os xeranios e a camomila ventureira; aló a flor do cinamomo silandeiro, onde lle din dentón ao fungo do centeo, e tamén ‘grau de corvo’.

Luísa finou o sábado sen gloria, e foi incinerada onte, día de domingo sen garda na necrópole de Pereiró, no “Vigo maldito que non te me vas da memoria” que dixo o camarada. Ela, do PC que mudou en IU (EU); da ‘Comisión Cidadán Antisida’, da ‘Marcha da Muller’, dos ‘Amigos da República’, das horas luz e violeta.

Dende esta columna que ti nunca vas ler, Luísa, eu non evoco o “The End” dos cinemas embarolados dos fuxidíos almanaques de furadas follas con alfinetes de ferro e aliviadeira, non. Tan só pido que o Dactonium onde vas ser depositada para máis alá dos sécalos, humus nutricio e matriarcal te acolla cal filla inesquecíbel. Sit tibi terrra levis.

Te puede interesar