Opinión

Lei do Solo

Xa sei que non era exactamente unha lei, pero as casas usurarias aplicárona coma tal cando uns e outras, ou ámbo-los dous de vez, adquirían unha morada con non ben poucos sacrificios. Era, como aínda non deixou de ser, unha hipoteca na que os xuros, por enriba de calquera “política social bancaria” superaban en moito a amortización do capital emprestado polos arcanos montes de piedade dos que os bancos e as caixas de aforro ao abeiro sinistro da Banca de San Carlos que logo mudou en Banco de España, que hoxe aínda existe sen saber moi ben para que, dentro da Unión Europea, co ollar atento e insaciábel do BCE, FMI e BM, con Wall Street como referente universal de calquera afronta que non chegou a levar de conta nas súas prodixiosas interpretacións o luminoso cego Jorge Luis Borges, instruído pola Enciclopedia Británica e as múltiples lecturas e interpretacións de El Quixote, obra que como vostedes ben saben, do español de orixe galega Miguel de Cervantes Saavedra, dous apelidos galegos, que veñen de cervo e sá vella (vedraña), como cando dicimos Pontevedra (Pontevella), que a ignorancia profunda do colonizador non acertara a mudar como no caso de Ponteareas, que aínda o colonizado insiste en nomear Puenteareas, traducindo tan só ponte, deixando os apedeutas sen traducir areas á lingua do Imperio, que deu lugar ao disparate que aínda hoxe rexe en moitos letreiros da vila do Tea, propiciados mesmo polo Concello do ínclito José Castro, alcalde antes e despois de Franco, felizmente xubilado da súa contumacia franquista cando o BNG chegara ao poder na vila onde tan só naceu accidentalmente Fermín Bouza Brey, sempre natural da ría de Arousa e Compostela, autor de Nao senlleira e Cabalgadas no Salnés, pai do meu caro amigo Fermín Bouza Álvarez, e tío de Luís Bouza, xa morto. Outra vez a maldita digresión arredándome inutilmente da canción, a leimotiv desta columna, pero coiden que agora regreso, como antano o demiúrgo do meu camarada retornaba á Grande Fraga.

Pois ben, como a “aplicación da cláusula do solo” fora considerada “abusiva, inxusta e ilegal”, as bancas en xeral, apresuráronse a anular, e en moitos casos (non todos) a devolveren as cotas aplicadas ao longo de tantos anos de abusos indebidos. O tempo transcorrido, logo de moitas débedas envolveitas en papel de oprobio e tantos miserábeis desaufiuzos, non figura para nada en tantas “xenerosas” devolucións e rebaixas, e velaí o comido polo servido que mentres o “altruísmo mercantil” marea a perdiz e devolve o posíbel nestas horas dunha España plural, e dentro dela a luz e os verdes gromos que ve o ministro De Guindos e o inefábel (tamén da mesma gobernanza) Montoro, porque o Banco de España xa non pinta nada nesta divina comedia de estafadores e desgrazados estafados.

Así, cabo dos “preferentistas”, tamén os afectados pola “cláusula do solo” reclaman con razón a devolución dos “favores recibidos” pola falsa filantropía dos obradoiros sociais dos “mercaderes venecianos”, sen un tristeiro Shakespeare que levar á raia que outrora foi boca de pedir e nunca dar. “Ollos que ven/corazón que sente” din os liquidadores que están a un paso de ser engolidos pola neousura internacional, para repartir máis nada que os beneficios da ladroeira. “Todo por la Patria común e indivisíble”, como Valle-Inclán pon na expresión cínica do prestamista Don Peredita, en Tirano Banderas.

Te puede interesar