Opinión

Imaxes do tempo

Sei que hai unha máquina coñecida por distintos e distantes nomes entre si, e que para sabermos algo da súa función ou quinta essentia, a ciencia díxólle “acelerador de partículas”, por saber a xénese dos días, o inicio do tempo máis alá de calquera concepto. Así, un tense preguntado moitas veces de que serviría saber que a orixe do que aínda non sabemos aconteceu hai tantos cantos millóns de anos indefinidos pola sorprendente aparición da luz?

Eu creo que de nada, dende a miña ignorancia. Sabermos o comezo da luz na vida, se for posíbel, ben escaso beneficio aportaría ao homo, e aínda menos mellorar a súa existencia. Cavilo na terra comunal que foi algún día o planeta, moito antes de se establecer a sangue e fogo a propiedade, o roubo, o espolio, sen necesidade de citar a ninguén para non caer no seo da erudición banal da infamia burguesa. Lilailas para entreter o tempo, ou o que el sexa. Trebellos para non sabermos ren, e a seguido mergullarnos na indefinición abrupta das hipótesis do baleiro. Tes diante a luz e dáche medo, un sentimento que atordas con outra cousa, díxólle a alguén a velliña do tute cabrón da vida aquela tardiña doutra inverniza cando a sombra do aire na herba no imaxinario poético de Luís Pimentel: “Agora, un obreiro pasa/cun espello enriba da súa cabeza”. E a cidade non saiu de aí, nin tantos anos despois co actual alcalde López Orozco levándolle candeas e flores de abril en invernadoiro á Virxe dos Ollos Grandes, do mesmo xeito que Abel Caballero vai piedoso en Vigo á procesión do Cristo da Victoria, sen deixar de facer o que antes outras e outros fixeron, adheridos cal lagáchimas ao nacional-catolicismo presente na democracia burguesa proclamada pola Constitución española e “la unidad sagrada de la Patria”, O pobo carece de interese para a usura institucionalizada, aínda que ás veces, algún xuíz condene o latrocinio das normas que teñen a Wall Street como referente, leis nas que descansan a eito os grandes casarios do capitalismo: FMI, BM, BCE, amolecidos, se cadra, pola OMS e os seus derivados, cando non polas ONG/s, cuxa xénese, mutatis mutandis, tamén tería que esclarecer a ciencia ad hoc, enténdase ben. A freira Teresa de Calcuta, aínda non deixou de ser un manancial de “inspiración divina” do cinismo humanitario que enxalza o labor do status piedoso, sen deixar de explotar mulleres, homes e xeografías.

Día do pai, día da nai, do neto, do sobriño, do curmán. Felices pascuas e próspero aninovo. As fileiras de parados énchense de sombras que outrora foron seres. Hai listaxes de “espera” se vostede non é persoa principal e aforada, se non reúne tal ou cal condición, se non foi remitido por unha compañía de seguridade privada ao averno da seguridade social da que tanto se chufa –con outra nomenclatura- o presidente da Xunta de Galicia, que di que haberá “copago” nos hospitais galegos. É equitativo e xusto, por engádega, manifesta solemne o representante do PP en Galicia, que se “opón” de acordo co guión de encarga previa á lei do aborto proposta polo ministro Ruiz Gallardón, que xa acadou o grao máis outo da súa propia incompetencia: hai vida no desexo, calquera frivolidade é un crime.

Eis a imaxe do tempo pola que tanto devecemos. Velaí a sombra que sobre si proxecta o misterio na xénese, nas orixes, logo do grande estourido que deu lugar ao cómputo, ás palabras.

Collín “Poesía original completa” de Francisco de Quevedo, edición, introdución e notas de José Manuel Blecua, actual presidente da Academia Española, e leo a páxina marcada: “Amor constante más allá de la muerte”, o acelerador de arestas ou arganas, tempo do tempo, estes días coas súas horas.

Te puede interesar