Opinión

IL RITORNO

Solicito desculpas por escribir o enunciado na lingua italiana da que tan pouco sei e da que tanto gusto, cecais en lembranza de Salvatore Quasimodo que sempre evocaba nos seus versos o vento de Tindari, benigno nas súas nostáxicas lembranzas, ben distinto ao retour imposíbel e abstracto de Baudelaire, aínda que haxa un aire ou ar de máis de mil belezas convulsas nas evocacións do poeta francés que a min me regresan ?e non sabería explicalo- ao noso Antón Avilés de Taramancos, e como non! ?os Cantos caucanos, da que el nos dera primicia a uns cantos amigos cando unha tarde de abril e Vigo hai xa un feixe de anos; escribo de memoria: 'Non hai regreso avoa/nunca regresa o mesmo home ao mesmo sitio'.


Pasaron 'felices' os días e as romarías, entre as derradeiras xornadas do 2013 e estes primeiros andares de 2014. Por decreto había que achantar a acedume do vivir para abstraerse entre as grandes superficies do imperio capitalista de luces tradicionais e neóns infinitos, incluídos os lóstregos do temporal que abatiu a fábrica da Virxe da Barca, e onte mesmo 'a pedra de abalar'. A seguido, a lotaria do 'Neno', que tanta devoción incita nos desherdados, cal auga de maio que antano dicía a velliña do tute cabrón da vida, caeu enteiriño o primeiro premio aló en Monforte de Lemos, arcano Castro Dactonium , segundo explicaba a erudición de Pita Andrade e Vázquez Sueiro, dúas historas da cidade do Cabe e Val do Mao que eu lin nas tardes grises e tristes de Lugo, cabo da Praza Maior, cando xa fora abandonada por Luís Pimentel, do que eu discrepo que Ramón Piñeiro for tradutor in fieri, como apunta na súa introdución á Obra Completa a nosa amiga Araceli Herrero Figueroa (Galaxia, 2009), aínda que si admitamos certas 'interpretacións' ad hoc, non só de Piñeiro; mesmo de Fole e Celestino Fernández de la Vega. O que escribo ou debullo neste primeiro mércores do aninovo sonlle puntualizacións ao paso, mentres a choiva enchoupa impenitente os vellos tellados de Vigo e o Lagares desborda para aquí e para aló dos muíños arrebatados pola procacidade do progreso que non foi tal, e á vista están as estampas deste inverno aquí e acolá..


Os tafures de tóda-las xeografías do planeta botan contas e procuran subhastas e subvencións, agora que as rebaixas acontecen á rapañota. Axiña serán trocados os nomes dos casaríos da piedade, como tantas xeiras temos recordado de Lampedusa. Baixarán os desinteresados intereses, pero proseguirán roubando vidas e facendas coa aquiescencia cínica da gobernanza reaccionaria, ou da social-democracia entre lilailas e detritos e outros entullos que Celso Emilio Ferreiro dicía 'sobras do banquete'.


Hai quen poida dar máis por tan pouco? Fagan xogo de palabras e cavilen antes de escoller.


Pasea Franco e todo o seu nacional-catolicismo polo bosque do Pardo, por veren eles os cervos cimarróns na inverniza sentimental. Moitos deles serán abatidos antes de que setembro chegue aos pronomes. As cornas lucirán nos salóns como aquelas que amosaba o rexionalista xerodio Marcus Ulpius Traianus, 'sobrenome' que nós lle puxemos a Fraga Iribarne, 'invicto' en todas as batallas do Estado español, ata que o seu propio partido, canso xa del, retirouno ao Senado madrileño, cal unha figura patética e decorativa.


Aí está Mariano Rajoy para recordalo, e canda el o actual presidente da Xunta que tantos anos presidiu o español-galego de Vilalba, Terra Chá, para información dos que non saiban.


A paisaxe poida que sexa a mesma; nós, cecais algo distintos e distantes. Esa é a dimensión unívoca do regreso, ritorno, ou retour.


Te puede interesar