Opinión

'Il rimaneggiaménto spagnolo'

Coido que non lle acae mal o enunciado á modificación de conduta do bipartidismo español representado como vostedes ben saben polo PP e polo PSOE na gobernanza española en “primeira liña” polos inefábeis Rajoy e Rubalcaba, unha aliteración aliterante e aliterada, despois que o expresidente Aznar fixese públicas as súas recomendacións aos que hoxe dirixen o partido, logo o goberno, no que el mandou tanto e tan mal. Din que Europa rebaixou as súas esixencias á “unidad de destino en lo universal” que aínda rexe e renxe nos herdeiros do franquismo, aderezados uns e outras co vestiario que lle é propio á democracia burguesa que mantén contra vento e maré a barbarie capitalista empoleirada na banca, bolsa e distintas ‘multinacionais’ de calquera produto susceptíbel de explotación e espolio, incluídos homes e mulleres de calquera xeografía do ruín imperio que ten en Wall Street o seu principal referente. Se hai que facer ERE/s, fanse e sanseacabou, coa aquiescencia e a benzón das “autoridades competentes” e o altruísmo e filantropía así de empresarios como de goberneiros da España plural na que ‘necesariamente’ hai que incluír o celebrado “café para todos”, dende Al-ándalus, pasando pola Mancha na que aínda “cabalga la sombra triste de Don Quijote” (León Felipe), e mesmo as nacións negadas: Catalunya, Euskadi e Galicia.

España é a abstracción máis importante no éxtase patriótico; os españois xa son outra cousa ben distinta: ricos, pobres, desempregados, excravos á mantenta das casas usurarias, estafados polas preferentes e a usura criminosa que non contempla nin quere contemplar o codex penal, nin o calixtino que levantou o electricista xunto cos cartiños das boetas da piedade cristián. E como a Xunta está en tan boas contas, Núñez Feijóo, nun acto de patriotismo e responsabilidade política, inxéctalle a PESCANOVA seica que catro millóns de euros-ouro para que o barco que entre todos afundiron, poida reflotarse sen que os que levaron os cartos, con razón ou sen ela, devolvan un peso do “legalmente” retirado

das caixas acoirazadas dos grandes casaríos do xuro. “Viva o meu dono! –exclamou unha noite Valle-Inclán, cando saía do desaparecido café “Español”, en Compostela, e xa había un feixe de anos que habitaba a negra sombra ferida de Boisaca.

As empresas da electricidade, poñamos por caso, traballan para que nós descansemos e gocemos da verde enerxía sostíbel. Usan uns e outras os recursos naturais de Galicia, e pagan impostos en Madrid, que ademais de comunidade autónoma diferenciada, é capital de España a tódolos efectos.

Así e todo, un alégrase por ese entendemento anunciado pola imprensa española, polo “abrazo de Vergara”, e polo bonito e patético “enterro do conde de Orgaz”, que tan ben retratou máis alá de todo “El Greco”, que morreu de pena nunha tarde enxoita e gris de Toledo, a onde regresan as sombras dos habitantes da mítica Sefarad, coas chaves e as palabras que foran das desaparecidas sinagogas.

Os desauficios proseguen, non só de moradas, senón de vagas almas perdidas, corazóns fendidos, abandonados, mulleres e homes pouco máis que a ceo raso, sen unha palabra nin outra luz que levar á boca devecente, agora metamorfoseada nunha inútil raia que tende perderse na procura do infinito que nos explicou Einstein.

O coitado de Newton, aínda despois de morto cre en Deus. O fillo serodio do sabio, contaban os moinantes galegos en Lisboa, tivera unha tenda de candeas e cadaleitos no intempo de Ribadavia.

Te puede interesar