Opinión

AS HORAS FUGACES

Admito que o enunciado ?sen máis- pode constituír unha redundancia tan fútil como innecesaria, cecais unha obviedade, pois calquera hora dos anos é decote fuxidía, como non deixaban de ser as xornadas de dama Penélope, agardando o regreso do heroe cabo de tóda-las mentiras que os dous inventaran aqueles primeiros días do outono en Ítaca. Eu vou tecer na noite e destecerei cando entre en min a luz inevitábel do mediodía, dicíalle ela á invención do cego que recollía aquí e aló herbas, flores e mentiras, para logo vender polas feiras da Gran Illa que o mesmo aeda bautizou co nome de Ítaca, o que tanta sona lle deu ao poeta Kavafis, cando o pobo inerme e esfameado devecía polos bárbaros que nunca chegarían, porque como é sabido xamais saíran de alí.


Un conto semellante a esta descrición literaria das horas fugaces non deixan de ser as palabras de Griñán e Chaves, logo da presunta imputación na estafa dos ERE/s andaluces pola xuíz Mercedes Alaya, inculpación que o fiscal xeral do Estado español recorre coa mellor vontade posíbel, sen deixar de levar de conta o caso Bárcenas, pois de prosperar a proposta da maxistrada, que dúbida cabe! ?podería declarar xusta e democráticamente falando o actual presidente do goberno central de España, e canda el o ínclito e 'iluminado' Aznar que aínda está a cavilar sobre a existenza das 'armas de destrucción masiva' en mans de Sadam Husein, a quen coma vostedes saben aforcaron impiedosamente os títeres do capitalismo internacional, disfrazados de 'patriotas', infamia que a chamada Corte Penal Internacional non investigou, nin falta que lle facía a eles, xuíces, mutatis mutandis, á mantenta do imperio do progreso, a paz e un sen fín de sempre condicionadas liberdades e outras bondades propias da burguesía que creba vidas e facendas en beneficio do xénero humano, como ben se ve en calquera democracia do mundo, das que dan fe e noticia os números nones e os señoritos de toda a vida.


Pero a xente segue a morrer de pena antiga, enmascarada en centos de patoloxías que non contempla a OMS nin o FMI que arestora con tanto éxito dirixe para a satisfacción dos de sempre a señora Lagarde, que a min tanto me recorda á enigmática Gioconda que nunca retratou Leonardo da Vinci. Fíxense no seu ollar de tristeira andróxina hipotecada polo escintilo perverso do ouro que rexe calquera recanto do planeta.


Do mesmo xeito teño visto máis alá de calquera recreación literaria á Raíña de Inglaterra, liberada da pamela áulica axustaba queixos frescos no adral de Montederramo. Sonlle recreacións poliédricas de calquera irrealidade, porque é certo que a 'Súa Graciosa Maxestade' non estivo nunca ao pé do mosteiro que o antollo ou capricho da miña memoria puxo diante do casal do Císter aló polos anos setenta do século pasado. A calor inmisericorde deste verán que boquea no calendario cecais nos leve ao nobre despropósito de calquera miraxe.


Estes días a transcorrer indiferentes, o cronista ve o No-Do que tanto éxito tiña nos días do Infame, mesmo incluso máis que o propio filme representado nas salas onde a España de posguerra entretía o frío e a distrofia. Non estou seguro que eses almanaques de alivio desapareceran definitivos das nosas vidas.


O fascismo celebraba o 'Desfile de la Victoria' no corazón de Catalunya. Poucas cousas mudaron na súa esencia. Unha ollada insentimental indica que os 'Coros y Danzas' da 'Sección Femenina' que tiña a Pilar Primo de Rivera como cabezaleira e figurante está a resucitar en todas as feiras, festas e romarías da nación incesante. Cada parroquia ten o seu santo, e a súa comellada, así autóctona como importada e convenientemente asimilada polos sinistros cociñeiros da globalización. O caracol tamén ten aquí a súa troula.


Que declaren os que saben, e non os 'extras' que contratou Hollywood para representar sempre a mentira.


Te puede interesar