Opinión

Histeria e histrionismo

Un non quere nin desexa pór en cuestión o substantivo que a unha determinada perturbación a psiquiatría salienta co nome que os profesionais da saúde mental lle dan a doenza, senón a maioría, si case que toda acepta como mal menor ou maior do homo. Decontado que a hystérie non é unha novidade, que xa Hipócrates de Cos, en atención ao útero falaba dela. As palabras parécense unhas a outras, así na raíz como no seu eido semántico, pero en ningún caso indica que teñan o mesmo significado ou acepción; e digo isto polo que lin estes días a propósito dun congreso celebrado nas aulas do Hospital Xeral de Vigo, ao que asistiron como docentes e discentes algúns dos profesionais que nós temos por amigas e amigos, á marxe da súa actividade laboral. Ben está dicir que a sintomatoloxía da historia coincide –mutatis mutandis- coas expresións de calquera histrionismo pasaxeiro –ou non- do ser humano submetido á barbarie da sociedade global pero non desigual, imposta a sangue e fogo pola burguesía capitalista. Histriones, aínda que non histéricos non deixamos de ser o conxunto das criaturas animadas que habitamos o planeta Terra, adscritos ou non ao labor que a liberdade sempre condicionada deixounos escoller no ámbito das nosas posibilidades e formación ad hoc.

Os arcanos chamáns das tribos non deixaban de seren eles histéricos histriónicos no desenvolvemento da súa tarefa, da mesma maneira que hoxe e outrora houbo e hai moito de histrionismo nas curias de calquera credo, publicista ou vendedor de fragancias exóticas, reloxos, automóbiles e outras mercadorías que anuncia a conduta lábil de mulleres e homes “fabricados” en series e secuencias restrinxidas polo teatro e o cine, sen deixar de incluír na conta e o conto a toda caste de cantores e cantoras que coas súas voces entreñen a nostalxia e os fracasos da vida, sen nos esquecer dos deportistas máis coñecidos e solicitados polos neohilotas deste século. Non falamos moitas veces de histeria colectiva? A histeria é certamente unha perturbación, unha alteración do sentido que consideramos normal se responde á lóxica doméstica da vida. Se este “cadro” que define certeira a psiquiatría se mantén máis alá do histrión in fieri que levamos dentro, poderemos exclamar –lembrando a Sartre que Les jeux o sont faits que traducido ao pé da letra en galego daría “os xogos son fatais”, que en español publicouse co título de La suerte está echada, obra que o mozo lera na Coruña alá polos anos 60 do século pasado, ao mesmo tempo que A muralla chinesa, de Franz Kafka.

A histeria como tal non está recoñecida entre as doenzas da ánima pola burocracia sanitaria, aínda que a súa diagnose sexa clara, polo que hai que subsidiala –contaba o psiquiatra Angosto, que habería que incluíla como unha patoloxía concreta no xenérico das neuroses que seica afecta ao un por cento da humanidade tratada, porque haberá moitos doentes que nunca foron atendidos dos seus desarranxos, coñecidos ou ignorados. Outra cousa é que o “conflito sexual” subxaza en calquera sintomatoloxía e/ou manifestación, freudianamente falando, xa que non se pode entender unha cousa sen comprender a outra. Todo ten a súa erótica, pracer ou paroxismo ata chegar ao éxtase que lle é propio aos credos e aos seus acólitos, a respecto do chamado “desvarío histriónico”, no que só poderemos referirmos ás persoas, e nunca aos golfiños, baleas, lobos, gatos, cans, e macacos, obviamente, aínda que tamén a barbarie institucionalizada incida amargamente sobre eles.

Un histérico-histriónico non deixou de ser Franco, que se autonomeou “Caudillo de España por la Gracia de Dios”, sen nos esquecer da mesma conduta en Hitler, Mussolini, e outros xenocidas, maiores e menores máis próximos a este tempo que nos habita, entre os que poderíamos citar alguns homes –máis que mulleres- da historia máis recente.

E mentres xaneiro vai declinando, o capitalismo non deixa de facer o seu agosto en calquera mes do vivir. Vén aí o Brais de Maside, anuncio do Entroido no próximo febreiro louco e rabo curto. Arestora achégase á memoria sempre recorrente a velliña do tute cabrón da vida, cando as tardes frías e grises de Lugo, entre o loito e o alivio dos almanaques.

Te puede interesar