Opinión

AS GUERRAS

A guerra pasa e acontece como o vento das estacións ao norte de calquera ano, e vaise esfiañando na febleza abrupta e tantas veces imposíbel de calquera memoria. A posguerra non se sabe moi ben canto pode durar no decurso do espazo e a percepción do que por non saber moi ben como lle chamar dicímoslle tempo, enunciado tamén aplicábel a calquera suposto táctico, así sexa ao estrutural climatolóxico como á demográfica sui generis. Un non se pode arredar da cultura coa -na- que foi inoculado moito máis alá do empardecido dos calendarios que adornaban as paredes de branco roto, logo acicaladas cos papeis pintados da art nouveau, entre o reaccionarismo e a 'revolución' dos tendeiros que aspiraban, na súa condición de pequenos burgueses dos sumidoiros da historia a seren eles semellantes a aqueles polos que foron espremidos, tantos anos de calquera deus da morte máis que da vida. A burocracia estaba servida nos grandes casaríos do oprobio: ouro en calquera das súas manifestacións mineralóxicas como as que agora procuran no infinito explicitado por Einstein, que existe pero tamén non ?como el mesmo aclaraba- sen que a proposta sintágmica entre nos centros grávicos que tanto asombraron ao señor Newton, cando merendaba debaixo dunha mazaira pola interrelación natural dos días e outras horas. Era a lei da gravidade pola cal, mutatis mutandis, o home mantiña o equilibrio de empoleirar enriba de calquera outra alternativa.


Pois vaia exordio este comezo, cavilo, cando regreso á pantalla do 'ordenador' para continuar estas singraduras de verán, se acaso, un que nunca deixou ?coma vostedes- de ser da lide, para edulcorar o tremendismo do enunciado, cuxas orixes descoñecemos. Ás bombas malditas que arrasaron non só Gernika no 36 do século anterior, aconteceron outras facianas do terror manufacturado pola piedade cínica dos credos, que nunca deixaron de evocar a morte para redimir ao homo da miseria que tantas xeiras conleva a existenza, e que a hipocrisía cualifica cal tributo inevitábel a lle pagar ao progreso presentado en ben da humanidade, cando só resulta en beneficio dunha mínima parte dela, mantendo á inmensa maioría coas 'sobras do banquete' como sintetizaba o poeta na Viaxe ao País dos Ananos. Así, o accidente agáchase na vontade dun deus elaborado á imaxe e semellanza do home, nunca ao revés. Entender custa traballo, e na súa procura calquera ser podería extraviarse no abrupto das contradicións nos termos. Liberados do ornamental tal vez necesario pero sempre inútil, cecais entenderíamos mellor a guerra, sen que iso signifique ?en ningún caso- o aceptamento dela, e canda Marx teríamos unha visión clara da loita de clases que o neoliberalismo ?poñamos por caso- non quere aceptar e moito menos entender para manter vixentes as distintas e non distantes facianas da explotación sen fronteiras que non sexan outras que as do roubo e o espolio, ora a sangue e fogo; ben para xustificaren eles castes e privilexios, onde quebra a idea dos credos, por máis que o papa Francisco diga por aí adiante o que os seus predecesores parece que non dixeran nunca: 'craso erro'; dramático esquecemento do fervor teodiceo e demáis teócratas da liberación que non afondaron na proposta e vararon os seus barcos no desengano e o silencio. Que ninguén pense que entre outros, estou a me referir a Ernesto Cardenal, que tamén pertencía á mesma grea da fe liberadora que este rei vaticano, urbi et orbi, con desculpa e licenza de quen lea esta crónica de estío, co ínclito Mariano Rajoy na compaña dun amigo facendo 'senderismo' polo sur da nación galega, á beira do mar presentido. Quen nunca leu a penas, é difícil que agora lea neste mes de asueto constitucional, a non ser códices de evasivas e outros informes arredor de escuros obxectos do desexo e memorandos dos mil e un Bárcenas e demais homes e mulleres filiados ao arco parlamentar español, onde son maioría o PP e PSOE, ámbo-los dous con legacións ou sucursais nas diferentes comunidades autonómicas do Estado, por non dicir outra cousa verbo da 'Unidad Sagrada de la Patria', entre o funambulismo e a diversidade gastronómica aquí e acolá, semente e froito da bendita globalización que enche de parados a 'patria común e indivisible', mentres a ladroeira, logo da liberación, enche de bandeiras e bandeirolas as tribos que nos retornan inevitábeis á guerra de vivir sempre na precariedade atroz das horas cativas. 'Un día é un día; que carallo!' exclamaba na solemnidade da margura a velliña do tute godallo dos celebramentos.


'Sempre teremos Xibraltar como excusa cal cobra maldita de verán', dixo unha tarde de tabernas o patriota eivado pola nostalxia. A noite caía promiscua enriba dos últimos tellados de Cangas. Cartas de amor e guerra; almanaque de eufemismos mentres os santos inocentes comungan en mística devoción con rodas de muíño, para mudar de fareleiro, e sempre o mesmo ladrón.


Te puede interesar