Opinión

Galicia 'máxica'

De non sei que primavera, xa pura memoria nos almanaques, viña o cronista cando atopou o amigo na “Espiga de ouro”, que ben puidese ser mazaroza, metonimia de chave trocada no largo ou street de Camelias, dende hai trinta anos de searas e tantas mazairas en flor esnaquizadas pola voracidade usuraria que dalgunha maneira representou o alcalde Portanet, do que sente orgullo na comparanza que fan coel o contemporáneo Abel Caballero, que nantronte convocou en van ao pobo desposuído para defender que o areoporto de Vigo, en terras de si; Mos e Redondela, non deixe de recibir e darlle a un tempo saída aos voos para calquera outra xeografía da Unión Europea, e aínda alén-mar, se tal viaxe for posíbel. A Vigo “levantáronlle” a súa caixa de aforros logo da fusión en fero frío con CaixaGalicia que dou orixe ao que vostedes saben e a un tempo ignoramos. A mentira coincide coa verdade nos mesmos ríos e regatos espoliados pola burguesía capitalista. A historia dos bancos e dos banqueiros nunca foi distinta, e detrás, os sinistros montes de piedade e outros mercaderes de Venecia sen un Shakespeare que o contar, nin un espectro da sombra vaga e difusa (confusa) para entender mellor o engano, a estafa, máis alá de Vigo e calquera outra cidade ou vila da Gallaecia que non sabe nin entende a bondade da mestizaxe, calquera que sexa o seu xeito ou xorne. A política “populista” do rexedor de Vigo, en ben pouco se diferencia da Núñez Feijóo, aínda pertencendo un e o outro a partidos menos distintos e distantes do que parece. Nada hai ad hominem, para ningún dos dous seres humanos eiquí mentados, pero si á unívoca representatividade, asi da dereita reaccionaria como desta tristeira esquerda agora representada pola social-democracia ao abeiro do fagotizado PSOE, unha sombra vagarenta pola Costa do Sal en Betanzos, do Ferrol a Madrid, coa súa nai doente.

Mentres os vellos camiños de ferro están a se arruinar, en troques de se extender por todo o espazo e tempo da nación galega sempre negada, e xa non digamos outras vías non carrileiras, marítimas, abandonando o soño da intercomunicación na nación entre nós, recordo.

Retornando as desputas malditas do tribalismo máis infame, ao servizo do colonizador e sempre da barbarie capitalista, co interenfrontamento ao que concorre sen saberen moi ben os porqués da vida, o pobo, que ergue a bandeira do “contrabandono” en patético disfrace de tantas outras feiras, festas e romarías enxalzadas polo fascismo aínda vixente despois da morte do “César Visionario”, por enriba da lenda pútrida.

Viña un da memoria estremecida que foi casarío dos xulgados e cárcere franquista, de evocar a vida e a obra de Luísa Fernández, da parte comunista namorada da nación galega, da Galicia certa e abatida aínda despois da infamia de 1936. Cantaba alí, Idade de Bronce en 2013, Tino Vaz. E Laura Quintillán, do intempo de Pontevedra e Poio, entoaba lixeira un só de violín.

Andei, logo do acto, pola antiga estrada a Baiona, trocada en illo tempore en Príncipe, para substituír a arcana rúa Real da cidade murada e a un almanaque aberta. Falaba na Porta do Sol o señor alcalde de Vigo, con un algo de razón e outra parte, a saber, fuxido dela.

A tribo xa de antigo está enfrontada. Eu quero ir polos camiños que dixen de ferro, ata o destempo de Viveiro; aos días de Lugo e Ribadeo; e polos mesmos vieiros a Verín, a Redondela, e sen ir máis lonxe a Nogueira de Ramuín. Logo de Vigo e todo, cavilarei en Madrid, e se cadra na UE.

Aquí e tanta a maxia maldita dos casaríos da usura que ata os santos inocentes rezan para que non desaparezan.

Te puede interesar