Opinión

A FUXIDA

Nada hai que resulte inútil na vida, aínda que ás veces, e no gran teatro, as máscaras e os disfraces aparenten outra cousa. O Infame, cun despotismo hipócrita e cruel, deixou 'claro' para a estafa da historia española que el, se houber xuízo, non sería máis nada que un menestral do terror que logo a ortodoxia e a heterodoxia adxudicarían á tristeira e mísera rapañota de vodas, bautizos e enigmáticos banquetes do oprobio despois do grande estourido fundacional que moitos homes e mulleres non deixan de nomear big bang, algo ou nada do que acertaba a recordar a velliña do tute cabrón do vivir co que cada infancia dos distintos séculos fora noutros almanaques educada. E todo chegou ata nós, entre distintos e distantes; diversos e diversificados polo desvarío que nunca deixou de se zarapallar o anuncio da razón e a mística enfermiza da fe, entendendo a sociedade como unha mínima parte aleatoria do individuo, sen afondar nas orixes da pobreza e a riqueza; a explotación inicua dun ser polo outro, onde calquera escada de valores suscitada e publicitada pola burguesía capitalista, non sabe (ou non quere) dar resposta a tanta podremia que nos distintos calendarios do tempo aderezamos de luz e festa. Se cadra, tamén o idioma, ou lingua vehicular entre a diversidade étnica ad hoc, chegado o caso, sexa coma outra maneira humana para entendérmonos no esperanto das desesperanzas que non sabían como dicir corazón, fraternidade e liberdade, e amor nun idioma común e imposíbel. Cal é a sintaxe do pronome? ?preguntaba o filólogo esoutro día nas Camelias Street que unha noite doutro outono evocara substancial o meu amigo, na taberna do 'lacaniano', sen saber ren o honrado comerciante do coitado Lacan que a tanta ben pouca xentiña da nosa xeografía levou a súa fútil malenconía, sen mala intención.


E a todo isto, que virá ou non a conto, observo que todos e ninguén somos cativos e preas dos desinteresados intereses do FMI que con tanto 'ardor guerreiro' defende Christine Lagarde, quen para un domingo de terror antigo deixouse 'entrevistar' para o suplemento' máis lido ?abofé que si- da imprensa española en tódo-los idiomas posíbeis do mundo. A ladroeira 'bendita', entre as súas angurias e os seus recordos pasará os días de advento nas súas felices xoldas, con todos os dereitos e menores obrigas do mundano ruído. El-Rei de España, solicitase do Cristo de calquera Vitoria e paz na guerra, e boa vontade, aínda que os pobres que dormen infelices no desherdo, como os pútridos violadores de calisquer liberdade, con dereito innegábel, agranden os paraísos perdidos que cecais soubese certos o poeta inglés Milton.


Así e todo, o ministro Wert, da gobernanza española, sen deixar de ser un ignorante, cos debidos respectos e no máis nobre senso da palabra, ao abeiro das comunidades autónomas inventadas para aliviar o totalitarismo español, non deixa de dicir que todo é en ben da España democrática e plural que eles defenden. De Guindos e Montoro, como esa tristeira Gioconda sen un Leonardo da Vinci que levar á raia da boca, en dentes de lingüística colonial (vexan a nomenclatura perversa das grandes e/ou pequenas multinacionais do consumo, para ben de nós, estan rotulados nun inglés que nin sequera Shakespeare acertaría a saber de que lugar do mundo son unívocos estes neomoinantes, lonxe dos Ancares e da nostálxica Venecia. E non lles sobra aos señores Rajoy e Feijóo a mesma bondadosa actitude. Negan outros idiomas de si; e patéticos esquecen o que din de seu, tamén na nación galega sempre negada. Cecais non tanto polas casas usurarias e os fervorosos acólitos, que arestora piden papas para retornar ao latrocinio das noites interminábeis, entre escuros debes, haberes e demais saldos. As metáforas retornan, indiferentes, cabo dos pronomes.


Te puede interesar