Opinión

Feliz Nadal

Hai xa un feixe de anos, por estas datas, e aínda máis hoxe, non sei se celebramos, como din, o nacemento de Xesús de Nazaret xustaposto, en calquera caso, sobre a arcana memoria do solsticio de inverno, que con tanta piedade laica e harmónica levaran ao pentagrama os grandes compositores musicais do mundo, dos que aquí só cito a dous, tan distintos como distantes: Händel e Vivaldi. En Portugal, que é Natal en troco de Nadal, de norte a sur, e o z do enunciado ten un son sibilante ou agudo ben distinto no noso s que tanto renxe nos plurais diglósicos que se lle escapulen a incontinencia verbal de Mariano Rajoy, os mesmos que tenta evitar inútil Alberto Núñez Feijóo. É normal, e polo tanto nada que poidamos considerar extraordinario cando o proceso esmagador da colonización lingüística prosegue perverso, e nada fan iles-outros, para evitar a destrución no só do galego, que é evidente, senón o propio español co que tanto enchen fachendosos a boca os señoritos de toda a vida, e dá noxo, máis que arrepío, oílos falar case sempre ex cathedra. Dos moinantes que un recorda á fronte das vellas tómbolas, lembramos alocucións ben mellores en calquera festa das de aquí, dende as badaladas de Belén á calquera santo ou santa do almanaque. Lembro, entón, algunhas navidades nos camiños de Valença do Minho a Porto, de luz amortallada e ceos dun añil duro e puro, ata que as campás da fábrica anunciaban o nacemento do Neno, e non sei moi ben se a Misa do Galo, que cantaba mesmo en Barcelos que na noite gris e fría de Verín, intempo de Vigo, Lugo, Vilachá ou A Coruña, cando aínda as suntuosas viandas do imperio global non encheran a fartar as mesas da pobreza, sen deixar de ser riqueza o bacallau e a coliflor, co polo en distintas formas. E cada quen leva na alma, ou o que sexa ela, as súas memorias, A Noiteboa era para infancia, a mesma greíña que aos poucos do vivir foi derrotada, e agora regresa cativa das ausencias que xa nunca retornarán.

Contaremos de un a unha a aparencia das imaxes na rocha, os lexemas, as oracións insubordinadas, a inocencia das pequenas rebeldías liberadas ad hoc pola gramática babeca dos ilotas, que escriben as mesmas facturas toda a vida, crebados polos escasos haberes sen apenas saldos que levar á boca.

Velos aí, celebrando a feliz canción do inmanente deshistoriado, como ese acelerador de partículas para algures e sabermos a orixe do tempo, ou tamén o que el sexa, tal que enriba dixemos da ánima, sen levar de conta a Platón e Aristóteles, por falar da “modernidade”, moitos anos a. de C.

Pasou a lotaria entre alustros e trebóns das mañás onde a friaxe asolla as primeiras horas deste inverno, e a felicidade non deixa de ser un soño no que non deixamos de cavilar.

Hoxe falará El-Rei de España como outrora tódo-los anos decote falaba o xeneral Franco, “Caudillo invicto” pola Graza de Deus. Homes e mulleres de calquera xeografía, españois todos nesta democracia burguesa que ben puido ser outra.

Foron vernizados os escándalos, “convenientemente tuneados”, que se di agora. E tanto ten unha cousa como outra.

Pero a palabra resiste envolveita no milagre da luz, e o corazón que desexa Feliz Nadal para vostedes, a campo aberto, como dicía a canción que non se nos vai da memoria.

Te puede interesar