Opinión

FAGAN XOGO

Semella que din os grandes tafures e trileiros aderezados prétencieusement nos saldos e outras rebaixas do Imperio. 'Polo pan baila o can', exclamaba atristurada a velliña do tute godallo da vida cando as sombras da noite caían enriba dos tellados da inverniza, horas de gris e alivio nas que a nostalxia arrolaba ao meniño que o decurso dos días foi configurando, transfigurando, amolecendo, como contaba ensimesmado o poeta, de regreso á Praza Maior, que el dicía enviso, na herba aburada pola xeada. Caravaneiros do abrente, cos dedos todos amputados pola soedade, amosando os cotos que con dificultade sostiñan o café e a copa de caña para quecer o corpo e enganar a alma, ou o que ela for, de lurpias e beatas místicas a lle levar candeas e mistos ás virxes do nacional-catolicismo, ou á patria, que cabo de todo viña sendo a mesma cousa. Hai unha fotografía destes días de Nadal próximo que a min me conmove, e o retrato non é outro que as facianas de sete homes, man sobre man, na presentación de Pemex nos vellos estaleiros de Barreras, co sorriso satisfeito do alcalde de Vigo, e o contido ou moderado do presidente da Xunta. De vivir un pintor como O Greco, faría un contrapunto do 'Enterro do Conde de Orgaz', pero temos que conformarmos coas fotografías e as imaxes en movemento da tv aquí e acolá, coa alegría indescritíbel dos traballadores do naval, que ven asegurados os seus salarios uns cantos anos máis deste século XXI, de precariedade, desemprego e outras grandes estafas da burguesía usuraria. Que ninguén entenda que o cronista non se alegra do achegamento logo de tantos desencontros entre uns e outras, en calquera idioma posíbel, e aínda máis, se cadra, nesta lingua nacional galega na que arestora conflúen felices Abel Caballero e Alberto Núñez Feijóo, e canda eles as distintas e non distantes greas sindicais. O demais, en cada caso, ha corresponder á reflexión das mulleres e os homes que tantas veces navegan á deriva polos mares e festas de garda, de peches por reformas, ruína, ERE/s e outras ladroeiras institucionalizadas polos longos debes, haberes e subsecuentes saldos das últimas existencias, ata esgotar o produto á venda, entre a arcana lei da oferta e a demanda que resumen ad hoc os manuais de economía. E de tal tese, se me permiten a expresión, móvense os casarios que poxan fronte ao FROB para mercar e 'liquidar' as antigas caixas de aforro e montes de piedade de Galicia devidos en NCG Banco, a saber, con máis de media ducia pretendentes para levar aos altares de Wall Street a noiva que outrora foi tan só namoradinha. E no mesmo transo, Pescanova, de norte a sur, á procura de cartos e cardumes, piedosos credos globais e esfiañadas bandeiras.


Abofé que non é ?alomenos- unha mala noticia para nación negada, e por engádega para a xeografía viguesa, que nós-outros tamén arelamos para outras estampas humanas.


Ogallá que o contado, como na longa noite de pedra, non constitúa o farelo ou as sobras de calquera banquete, logo de tanto oprobio e inicua privatización do público, entre o ensino e a sanidade, dous dereitos que debe garantir sen co-pagos e outras gabelas a gobernanza de calquera status.


Te puede interesar