Opinión

Exonerar

Absolver, eximir, dúas acepcións sinonímicas sen apenas contrarios nos códigos do dereito penal instituídos pola burguesía dominante para se salvar a si mesma en calquera condición da vida máis alá da morte, coma no soneto de Quevedo que esoutro día recordabamos nestas páxinas. Escribo isto pensando na infanta española cando un día de febreiro deste ano declare ou depoña perante o xuíz Castro que instrúe o caso que todos vostedes saben non dubido que moito mellor ca min, filla de El-Rei de España no democrático status quo que decote adoita enxalzar o ex presidente do goberno español Felipe González, seica asesor á mantenta de Gas Natural – Fenosa, a impartillar leccións ad hoc xeopolíticas de calquera cousa que se terce, que é unha maneira de escribir a historia coma calquera outra, e aínda máis el, que meteu o enigma español en todo canto outrora da súa vida negou, ou aparentaba silenciar, ata lle poñer as cousas de fría e tristeira prata nas mans dos herdeiros do franquismo a un Aznar e as FAES por este fundadas, vello falcón nas Azores que aseguraba que Iraq posuía armas de “destrución masiva”, alocución da que Fraga Iribarne chegou facer chistes de petit comité a propósito das mulleres violadas e aínda mortas polo ruín patriarcalismo. “Todos somos iguales ante la Ley”, non se fartan de dicir uns e outras, aínda que a lei discorra distante da xustiza, e non se inspire nela, decontado. Imposíbel de recorrer esta recente citación do xuíz Castro; o avogado Abril Martorell, argüe que o amor podería ser unha eximente ou exculpación dos actos presuntamente delitivos da imputada, pero amor, en calquera circunstancia non é máis que unha abstracción que en ningún caso puidese servir de exculpación, e ningún codex pode levar de conta tal sentimento, porque por aí estarían xustificados moitos dos crimes e outras agresións dun homo contra outro. Quen pode dicir que o amor é isto e mailo-outro? Quen podería definir ese estado ou condición? Só a poesía; e achegáronse a el os sociólogos, sicólógos e siquiatras. Agora penso nas aproximacións de Alberoni: Amor e namoramento, onde nada se aclara. E ao mesmo tempo entre o ruído da choiva que nos acontece, lembro aquela tentativa definitoria do vello Lorenzo de Médicis: “il amóre e un appetito di bellézza”, exclamación que Ortega y Gasset estimaba platónica, non recordo se en Meditación del pueblo joven, ou La rebelión de las masas, aínda que estou por asegurar que é nun dos artigos da primeira obra que digo, a propósito do roubo da Gioconda, no Louvre, por primeira vez O amor, insisto, non redime a ningún ser humano de nada, porque tal cegueira anímica é indemostrábel, aínda que non dubido dos sentimentos de ninguén, que non poderán achantar nada do que se fai ou se deixa de facer. Sen que serva de comparanza, estes días un home matou muller e sogra, para lles evitar o sufrimento, alomenos iso é o que di el no seu descargo. É este un acto de amor? Claro que non, como tampouco foi a morte de Desdémona a mans de Otelo, no drama shakespeariano.

Non me fun polas ponlas ao exponer estas estampas verbo do amor e a súa complicidade, non ho! –mais perante a lei non se debe argumentar, aínda que si poida facelo en último caso a defensa de calquera imputado ou imputada, como o fiscal Horrach, que deixando “il amóre” aparte cualifica do que non se pode nin el sabe ao xuíz Castro, e mira ti por onde! Ouh paradoxo! Amor a unha caste da que el posibelmente sexa subsidiario, en ben de España, naturalmente.

Te puede interesar