Opinión

Estado da nación negada

Manuel Fraga Iribarne xa procurara acougo político-sentimental dos últimos anos da súa vida no destempo de Perbes, malia que el ben quixer acomodo como presidente dunha España única e indivisíbel nas noites da Moncloa, pero entre os seus discípulos e acólitos nunca houbo un que dera un peso público polo ex ministro español, e só arrimaron ao seu carón para aprender a nadar e gardar a roupa, non fora que lles recordasen as súas orixes dun galeguismo papaleisón entregado á causa nacional-católica española, a mesma que el quixo negar sempre, logo de descubrir tardego o “rexionalismo” de Alfredo Brañas, do cal fartouse de falar e mesmo enxalzar en anacolutos de opúsculos crebados para xustificar feiras, festas e romarías. Os que o rodeaban, se me permiten a expresión, aceptaban sen rechiar a súa sabedoría, cando non as descubertas do catedrático de Dereito Político ao servizo do Infame que propiciou o terror ata ben poucos anos antes da súa morte anunciada polo entón xefe da gobernanza española, que coma vostedes recordarán era aquel Arias Navarro, man de duro ferro oposto a calquera democracia que non fose a que o morto do Pardo lle ditara logo de saber certo e agónico que a eternidade non era máis que un delirio dos idiotas á mantenta. “Queda todo atado y bien atado, Carlos”. Hai que recordar que algúns anos antes da aflición, o “Caudillo” púxose en pé cando no teatro Rosalía de Castro coruñés soaban os primeiros versos: “Que din os rumorosos…”. Cecais non fose máis que un acto contrito da piedade teodicea na que el fora educado a sangue e fogo na rúa María ferrolá, cando o seu pai comungaba con tristeiras rodas de muíño no submundo de Ferrol, a cidade megalítica a se debater entre os laios de Montero Aróstegui e o romantismo historicista de Vicetto, que logo sabiamente corrixíu Murguía ata onde lle foi posíbel. Non había nada que facer, pois o morto, como no conto de García Márquez, medraba dentro do cadaleito. Pero España estaba por riba de todo, “reserva espitirual de Occidente” sintagma co que tantas xeiras adestraban á infancia derrotada nas escolas devidas do “Glorioso Alzamiento Nacional”, e Galicia nin sequera unha “nacionalidade histórica” se non era dentro da “unidad sagrada de la Patria” que capitalizaba calquera xeografía. Os feitos ou sinais diferenciais non excedían dos coros e danzas da Sección Femenina entregada a Pilar Primo de Rivera, da que non fai falla falar, e mesmo o rei fora requerido a xurar fidelidade aos “Principios del Movimiento” cando foi proclamado Xefe do Estado nas Cortes franquistas, e Alejandro Rodríguez de Valcárcel in nomine dos sublevados contra a República. Non tardou en chegar á xefatura do goberno Adolfo Suárez que aínda vive abatido polo alzheimer. Transición e democracia burguesa, co recoñecemento ad hoc das arcanas nacionalidades como comunidades autónomas ás que foron transferidas as lilailas do centralismo esmagador da “unidad de destino en lo universal”, e para que non houbese agravios comparativos, estableceuse o “café para todos”, corrían “aires de bonanza” e o progreso chegou ata onde foi posíbel, nin máis nin menos.

A democracia española era espello do mundo civilizado, e como vostedes non ignoran Galicia comezou a medrar con Fraga Iribarne como director dunha orquestra onde as partituras eran pactadas coa aquiescencia máis ou menos revirada de todas as castes políticas, onde o idioma tiña moito que ver, e mesmo o Señor Presidente expresábase de marabilla na súa lingua de nacencia, oficial e sentimental, que mesmo Castelao foi celebrado máis alá do seu recordo no exilio, logo de regresar as cinsas a San Domingos de Bonaval: “Panteón de Galegos Ilustres”, que outrora foran perseguidos polo nacionalismo español, digan o que digan os demócratas adheridos á España plural e solidaria, menos do que uns e outras cavilan.

Estes días o herdeiro que outrora resultara imposíbel Xosé Cuíña Crespo, solicitou no Pazo do Hórreo, sé do desaparecido cuartel de Infantería Isabel la Católica, en Santiago, a colaboración das distintas representacións políticas en minoría parlamentar, para as súas propostas, en ben da “nación negada”, logo España para el. Contou o que lle interesou contar, e agachou o seu entreguismo: “son galego e español”. “Cos cartos que se malgastan en facer as beirarrúas máis grandes do mundo, houbésemos construído tantos quilómetros da alta velocidade para unir definitivamente Galicia con Madrid”, vella e tristeira aspiración do colonizado, mentres que as comunicacións entre nós son inexistentes. Para irmos de Vigo a Lugo, poñamos por caso, polos camiños de ferro, que están exactamente igual que na longa noite de pedra evocada amargamente por Celso Emilio Ferreiro. A desfeita está servida como naquel solpor nos xardíns do pazo de Mariñán, cando Manuel María, Bernardiño Graña e este seu cronista falaban alí, nun Galeusca que non se me vai da memoria. Veñen aí os días grises da esfolla e os magostos, luz oblicua de calquera outono.

Te puede interesar