Opinión

España, sen ir máis lonxe

Advirto que o enunciado non é máis que un título irónico-ideolóxico para previr aos que fan fe e nostalxia alén do nome aínda hoxe por resolver o seu significado, o enigma histórico, cal antano de vidas e obras procuraban sabios e inocentes:Claudio Sánchez Albornoz e Américo Castro, non enfrontados por Franco, pero si polo apóstolo Santiago, que nunca estivo en ningún camiño de aquí, a non ser que for no desvarío místico dos credos que oran e laboran verbo de calquera milagre que a física pode explicar en secuencias químicas orgánicas ou inorgánicas, ADN de calquera historia. Escribo isto polo que Mariano Rajoy Brey dixo a fin da semana pasada en Catalunya ou Cataluña, como mellor acomode ou enxergue calquera histórico español ou española, dende Alicia Sánchez Camacho a Montoro, que ten unha voz da que el é responsábel, coa que faría marabillas “acústicas” a logopedia profesional de feiras, festas e romarías de aquí e de aló, que é moitísimo máis lonxe que alá. Das vellas tómbolas que un recorda das corrobras de nós, non se me vai da cabeza aquela locualidade que amosaban os rapsodos que “regalaban” latas de alcriques (léase xoubas ou parrochas) entre radiodinas, carretes de fío, bonecas e primarios peluxes, do rato ensarillado ao “paxariño da sorte”, cando non aquela vidente cun capacho no regazo e un vermello pano cubríndolle os ollos de mirar e nunca ver, senón for outra estampa ca dos propios delirios mesturados coa información que previamente procurara o empresario do circo a propósito da vida e a morte. Está no Quixote; en Mateo Alemán, en toda a chamada –non sei se mal ou ben- picaresca española que tantos citan e nunca leron nin antes nin despois de Franco e a tristeira e patética “unidad de destino en lo universal” precedente daquel “por Dios, por España y su revolución nacional sindicalista” que aquí asinaba ilexíbel un tal Ángel Estéban Lamata, en “papel-prensa” e sobres azuis que recordamos da CNS en calquera recanto da nacionalidade historica que as surcursais do españolismo nega, para fuxir da realidade e inxerirse na apócema da barbarie capitalista, que curiosa e paradoxalmente tamén “combatía” cinicamente o nacional-socialismo alemán e italiano, tan distantes e menos distintos entre si.

Pero este Rajoy Brey, neto de Enrique Rajoy Leloup, “un propagandista do autonomismo galego” que foi silenciado logo de 1936 (Baldomero Cores Trasmonte, Servizo de Publicacións da Deputación Provincial de Pontevedra, 2005, vai a Barcelona, ameazando ao sentimento nacional catalá que defende o pobo e a dereita tuneada que en calquera caso non deixan de representar CiU e ERC, coa disidencia de tres socialistas da sucursal española do PSOE en Cataluña, ou Catalunya. “Mientras yo sea presidente, no se celebrará unilateralmente una consulta ilegal (sic) unilateralmente digo, repito” E Alicia Sánchez Camacho entra no éxtase propio do desvarío místico, que incluso fai estremecer aos acólitos e correlixionarios. Un non sabe se na consulta escocesa do RU van votar só os habitantes de Escocia ou tamén doutros reinos e colonias do Imperio da Súa Graciosa Maxestade, supoño que non. No status español cuxo xefe é un Rei imposto polo franquismo e as súas Cortes, por máis módelica transición e “contrarreformas” non sei que pensan, pero no “peor” e “mellor” dos casos, se non houber outra “sorte de varas” na tarde, que voten todos e todas, como vota a emigración galega nas eleccións ao Pazo do Hórreo para presidir a comunidade autónoma ou erimitoria galega, naturalmente.

Da outra banda, a infanta española, como un cidadán máis é posíbel que declare democraticamente falando perante o xuíz Castro, imputada polo maxistrado de ser arte e parte do que vostedes saben mellor ca min, nesas empresas que sen “ánimo de lucro”, lle deron para tantos gastos de peto e outras bagatelas, entre viaxes exóticas e outras miudallas, como calquera muller namorada que asina por “delegación” cal calquera outro homo sapiens desta UE á que está adherida a España inmanente, plural pero única. Bankia xa anunciou os seus beneficios logo da quebra da quincalla e os máis de cincuenta mil millóns e euros/ouro inxectados polo erario público que nunca pagaron nin pagarán.

As perdas distribuiranse entre a pobreza dos homes e mulleres que non chegan a aquela benzón que outrora nomeaban “salario mínimo interprefesional”. Os ividendos entre os señoritos de toda a vida, “como Dios manda” que adoita dicir nos seus discursos, o presidente Mariano Rajoy. O demais, “as sobras do banquete”, á rapañota, por iso os cans da vella tribo devecen tanto polos ósos, e aghudisan pola carne que nunca lles deu o amo.

Te puede interesar