Opinión

As diversas facianas do espanto

O terrorismo está –tan só en parte- tipificado claramente polo codex penal de calquera democracia burguesa, cal fracción ou quiñón do status español. Hai un feixe de anos fun convidado a participar nun programa da “Radio Galega” para falar, entre outras cousas, do arrepío criminoso e as súas pegadas e consecuencias. Lémbrome que entre os participantes estaba un médico santiagués apelidado Guitián, (ou Guillén?), xunto con outros contertulios cuxos nomes non acerto a recordar. Era pouco máis que unha hora de faladoiro, e entre as “propostas”, e o terrorismo así enunciado, conformaban entre outras proposicións, un dos asuntos a tratar naquela hora da tarde. Todos condenaban libremente a ETA, e a min non me parecía mal, pero advertínlles dos outros rostros do medo que eles non querían interpretar como tales, xa que constitúen parte e esencia dos costumes que a mesquindade burguesa foi derivando en leis onde o espolio sen máis, foi sacralizado polo Amo, a sangue, fogo, larpeiradas e outras tristeiras lilailas do oprobio cotián, sen outros límites nin lindeiros que os da pobreza e a riqueza dos que o homo é único responsábel, actor, dramatis personae en calquera “divina comedia”, sen necesidade de ler nin saber de Dante. É, cabo de todo, o que tampouco se entende por roubo ou estafa a actitude mercantil dos arcanos usureiros da historia devidos en banca e bolsa para “financiar” empresas de calquera índole e circunstancia, onde mulleres e homes son “aproveitados en beneficio de si mesmos” din os asoballadores ao abeiro de calquera credo tan ruín como escatolóxico, para xustificaren a súa conduta, e procurar no lazarío a benzón do asalariado logo da súa expulsión da mentira do paraíso polo que aínda devece cando xa nin sequera fai ringleira nas portas das oficinas do emprego das non diversas administracións do Estado totalitario, retratado en autonomías e federalismos vacuos, cando non na porta das pequenas ou grandes superficies do Imperio, que calquera de vostedes pode denominar como mellor lles acomode, sen medo, e facendo uso da liberdade sempre condicionada pola Lei, inspirada ou non na Xustiza dos elixidos polos votos da “cidadanía”, tanto aquí como nas tardes máis escuras e lóbregas de Becerreá, un pouco despois da fábrica de Penamaior, de camiño ao intempo de Donís, onde aínda non hai moito, ata os mortos ían en feliz procesión co voto na boca, igual que en Villalar de los Comuneros, onde Castelao dixo que alí foi Castela asasinada.

Non dubido que é difícil cualificar pola burocracia académica internacional que o despido, os desauficios, e a avareza impiedosa das casas usurarias, poñamos por caso, como actos de terror que se nega a “contemplar” o código da seguridade burguesa que non seu día denunciaba lúcido Valle-Inclán, logo de retratar a figura de Tirano Banderas e a gachupia na transposición de Santa Fe de Tierra Firme: “A todos ponía un acento de familia el embarazo de las manos con guantes”, “aprovechándose de la adulación, la avaricia y el egoismo”, explicaba o filólogo e académico español Alonso Zamora Vicente na tarde gris e abrupta de Madrid.

Non é pois terrorismo ás secas o que está escrito e admitido polas leis posfranquistas, senón que non deixa de ser o mesmo, aínda que con outras distintas facianas, o lle negar o dereito universal á vida aos que día a día da historia son desposuídos del in nomine do ouro en calquera das súas manifestacións.

Te puede interesar