Opinión

Días de inverno

O inverno, entre nós, chegou unhas xornadas despois que Papá Noel ou Santa Claus, –o boneco da Coca-Cola invadira definitivo e nunca ben definido a “nación única e indivisíble”, “unidad de destino en lo universal”, na que o nacionalismo español, con razón e sen ela, inclúe a diversidade que uns e outras entenden dende os Reis Católicos para aquí, e aínda chegan algúns máis atrás, en calquera educación sentimental, enténdase ben, collendo a Don Pelayo e a cruz da Virxe que arestora non menciona tanto o “mono informatizado” que hai que ver que habelencioso é para memorizar calquera secuencia númerica alterada ad hoc, para demostrar xustamente a memoria do mono. Velaí o equilibrio que en calquera caso xa intuíra Darwin cando a súa longa singradura no “Beagle”, de 1831 a 1836. Trátase, coma vostedes ben saben, da Orixe das especies, sintetizando, porque no inglés da primeira edición (1859) leva un título máis longo, que non fai ao caso reproducir aquí.

Así, nin o discurso de El-Rei de “todos los españoles” deixou claras as estremas e os lindeiros da ambigua “patria común”, cal dicir que a lei é igual para todos, que fica moi bonito pero que todo o mundo sabe que é unha migalliña máis que unha mentira piedosa, por non chamar “hipocrisía da legalidade vixente” ou simplemente declaración de intencións, que é unha maneira como outra calquera de falar bonito e barato.

Por estas datas os corazóns énchense de felicidade e viandas, e non fallan vocábulos floridos aderezados de finos panos, e todo e nada para agachar a realidade, aínda que sexa por estes días de inverniza, ata a chegada dos Reis Meigos, 6 de xaneiro e aninovo, aínda o meniño no berce da terra que a nai ausente anaina no colo do vento.

Pero o ollo cibernético do cíclope non deixa de axexar a uns e outras, por iso, coa aquiescencia de calquera gobernanza estatal ou autonómica a burguesía, en calquera das súas manifestacións e outras posíbeis adscricións, fai o que lle peta, e sobe prezos, e crea expectativas que manda anunciar nos distintos medios de comunicación ou incomunicación do imperio global ao que todos pertencemos, cada muller ou home no lugar que lle corresponde polas súas aptitudes, ou onde a fortuna os trouxo, aínda que non sempre sexa así, como vostedes saben moito mellor ca min.

As galernas sempre dan que falar, polo que conlevan: choiva, vento e treboada, cal ese lóstrego que provocou o incendio aló en Muxía, da Virxe da Barca, que ata aló achegou dende Compostela o presidente da Xunta, nun acto que vai máis alá da fe e nunca a posibilidade inútil da inocencia. “En pouco tempo estará reconstruída a pequena fábrica”, e poderan seguir levándolle flores e candeas a “Nosa Señora”, para manter viva a fe e as tendas do arredor.

Pero no fondo non son máis xornadas de inverniza a transcorrer polas follas do almanaque, derradeiros días deste 2013 e `próximo 2014, mentres sobe a luz, os transportes urbanos, e tantas outras cousas que saben o homo, pouco e ben; entre moito e mal.

Te puede interesar