Opinión

Días de agosto

Transcorre o mes no ilativo de si, sen o frío no rostro que indica o dito que eu creo castelán e non galego, aínda que haxa unha morea de mulleres e homes que fagan o agosto en calquera tempo do ano, mentres os síndicos do capitalismo, tafures do imperio, procuran xornadas lúbricas na fronteira das púberes canéforas rubenianas e outras figuracións na fronteira dos lirios silvestres que fuxiran do iris de Van Gogh, pero non da prosa galante de Marcel Proust cando Les Plaisirs et les Jours, que é a galería de sombras na que o cronista vai escribindo retrincos e recordos da historia, dun xeito distinto ao que vén de ler no libro de Bautista Álvarez: Retallos daquela infancia, que en certa maneira fainos lembrar as Memorias dun neno labrego, de Neira Vilas, dúas perspectivas diverxentes nos días concorrentes. Advertíame o amigo que o de Loucía, na súa erudición ad hoc, non citaba a ningún autor galego para iluminar algún dos seus asertos, e si –poñamos por caso- a Edgar Allan Poe, cando debulla O cadaleito branco, unha historia semellante á que contara Rafael Dieste en Dos arquivos do trasno: “Sobre a morte do Bieito”. Claro que Poe en The premature burial (Enterro prematuro) é moi anterior ao Dieste que estou seguro que Bautista non ignora, e ademais un é moi libre de mentar os autores que el quixer para informar ao lector, e non serei eu quen diga que o americano non sexa máis ilustrativo a propósito do discurso literario de Álvarez. A conto do que veño de escribir, recordo que dunha ocasión, Basilio Losada advertíu que todos os cazadores que Ánxel Fole pon nos seus libros, son afidalgados ou señoritos, e non hai labregos que leven a carabina no ombreiro, na compaña da cuza tan común alá na Fonsagrada, ou nas paisaxes autumnais do Incio, onde o autor lugués escribíu Terra Brava. Cada un ten e vive a súa realidade, e dela escribe, chegado o caso.

Ningunha comparanza é odiosa, aínda que poida resultar ociosa, e as máis das xeiras innecesaria; de calquera xeito quero felicitar a Bautista Álvarez polas súas páxinas que tanto me divertiron estes días de agosto, e abofé que me fixeron cavilar a propósito da fe dos inocentes e o despropósito místico dos idiotas; e de cómo aínda o Estado español –malia o que proclama a Constitución burguesa- non deixa de ser confesional, onde as manifestacións do máis puro e fascista nacional-catolicismo proseguen a súa andaina, arredando o laicismo necesario, e conculcando calquera valor democrático. Poden os alcaldes de Lugo, Vigo, Santiago, ou A Coruña, vg, levarlles unha candea á calquera Virxe, Santo ou Cristo da súa devoción ou crenza, pero xamais na condición da representación política dos cargos institucionais que ocupen. A crenza, calquera que sexa, é libre, e pertence sempre ao ámbito privado e íntimo das persoas. As institucións civís, ben militares, deben manterse á marxe, pois que de non observar esta conducta incorren nun “delito” de inconstitucionalidade.

Ata o de hoxe, e despois de tantos anos constitucionais, agás honrosas actitudes como a do alcalde de Pontevedra, a respecto da procesión da Virxe da Peregrina, moi poucas “autoridades” da negada nación galega cumpren a “Carta Magna”, acubillándose na “tradición católica” de España, “unidad de destino en lo universal”, e van presidindo as procesións aquí e alá, a carón dos príncipes da igrexa CAR.

Lembro agora, que entre outras “circunstancias” que veñan ou non ao caso, a Domingos Merino, alcalde coruñés polo BNG, uns e outras, botáronno do pazo de María Pita por negarse a ir como tal á procesión da Virxe do Rosario, patrona da cidade. O social-demócrata Paco Vázquez, non deixou de presidir nunca calquera manifestación relixiosa do catolicismo español. Xubilouse –da política?- logo de ser embaixador cabo do Vaticano, cando aínda Francisco non chegara a humilde cadeira de San Pedro. Agora, FV, fala en galego nalgún programa da TV; algo ao que sempre se negou, para falar nun castelán estarrecedor, cun deixe fonético que un sempre recordaba do intempo de Sada, ou tal vez Culleredo.

Te puede interesar