Opinión

Un día cabo doutro

E haberá quen nin sequera ten tempo para contalos porque esmorecen na pena que os consome na declinación do absoluto sempre abstracto. Non paran de chegar mulleres e homes ao litoral ilimitado dos paraísos prometidos, cecais o edén que só existe no delirio e o desiderato do homo, para denominar calquera xénero. Occidente é unha alucinación xeográfica da pobreza imposta pola barbarie capitalista que conculca os dereitos universais á vivenda, ensino, saúde e traballo nas democracias burguesas que xestiona e administra a patética dereita e a socialdemocracia alternante e alternativa no poder, máis ou menos aquí, despois da morte do Infame que proclamou rei de España ao neto de Alfonso XIII. Borrón e vella conta na memoria dos montes de piedade e outros casaríos da usura reconvertidos en “altruístas” entidades financeiras para o desenvolvemento da “España plural” e diversa, da sardana a calquera variante da muiñeira, para pormos un exemplo do cambio logo da transición do fascismo á liberdade sempre condicionada polo ouro e os seus derivados, dende o petróleo ás outras enerxías que posibilitan o crecemento e o progreso aquí e acolá, segundo determine a voz solemne e déifica do Amo empoleirado nas alturas divinas, co visto e prace dos credos sempre absolutos, que non deixan de ser todos eles, dende o catolicismo a calisquer outro acaloramento teodiceo, se a erudición dos sociólogos autoriza esta miña expresión. Claro que hai diferenzas entre as distintas doutrinas aceptadas pola ignorancia interesada ou non do home; abofé que si, dende o simpático budismo á felicidade prometida polos traficantes sen ningún Shakespeare que levar á boca dos solsticios. Valle-Inclán non deixa de expoñelo en Divinas palabras, e se me apuran, non deixaría de citar aquí esoutras horas de Madrid cando as Luces de bohemia, e aínda podería atreverme coa xenialidade de Tirano Banderas. Desculpen a posíbel digresión que a intelixencia advirta ad hoc, que por outra banda consideramos necesaria para entrarmos en materia cotiá, no día a día de cada almanaque.

Sobe a luz “nosa” de cada estación, grazas á xenerosidade empresarial das hidroeléctricas que este cronista non ousaría nomear galegas nas súas orixes, aínda que si no espolio dos “recursos naturais”, por xentes tan emprendedoras como o inevitábel conde de FENOSA e outros principais do Reino español cando a ditadura (deixémolo así) do “Caudillo de España por la Gracia de Dios”.

E como mesmo brillo da maldita posguerra que nunca acaba, o goberno español, para salvagardar o erario público, en ben do bosque animado, coa aquiescencia indecente da OMS que cohabita nas elegantes alcobas do FMI que como vostedes saben preside madame Lagarde, esa Gioconda menos enigmática que aquela que un día retratou atristurado e intemporal Leonardo da Vinci, substraída en máis dunha ocasión da súa dobre vida no museo do Louvre. Ah! Quería un dicir que tamén a Sanidade española sobe o prezo dos fármacos nas boticas do imperio, para aliviar a vida e entreter as facianas de calquera morte, con pouco máis de trescentos euros ao mes e outras piedades a sangue e fogo impostas polo status do benestar proclamado pola fe da burguesía internacional.

Pero hai que manter vizosas e vívidas as constantes implacábeis dun mundo feliz, unha migalla aquí, e a esperanza inútil e ningures.

Cando a última luz do día procure inmisericorde os derradeiros tellados da cidade, a choiva retornará unánime ao corazón dos inocentes, mentres “Morren de televisión na ausencia da vida”, dixo a miña esquecíbel Luísa Villalta.

Te puede interesar