Opinión

DESPOIS DO SAN XOÁN E LÚA CHEA

Unha viaxe pola memoria irredenta, solermiña e cruel de tantos días de viño e rosas en calquera xardín, como naquela novela do americano Francis Scott Fitzgerald que limos hai unha morea de anos no destempo da nación que uns e outras negan entre contumaces e ofuscados: Tender Is the Night (Suave é a noite), máis alá do Lugo que segue incomunicado igual que cando o adolescente collía o Gómez de Castro, primeiro no penso de Santiago de Vigo, que xa levaba o nome de El-Rei Alfonso XIII que nunca foi mudado polo de largo dos camiños de ferro, ou encostado da estación, fondal no que agora traballan arreo para que alí chegue o ferrocarril de alta velocidade que aproxime máis e mellor Galicia a Madrid, e a nós-outros tanto nos ten, se non podemos achegarmos a calquera xeografía da arcana Gallaecia no mínimo tempo de calquera almanaque ou distancia posíbel neste século XXI de tanto infame progreso e esquezo, explotación e múltiples estafas perpetradas polo capitalismo que tan certo retratara Marx, poñamos por caso en Theorien über den Mehrwert (Vierter Band des Kapitals) (As crises do capitalismo), non distintas e si distantes daquelas outras que o propio Karl lle facía saber a Engels nunha das súas epístolas datada o 17 de decembro de 1857, case sete anos antes de que Rosalía de Castro publicase Cantares gallegos no prelo de Juan Compañel, de Vigo, como ben saben vostedes. Que feliz ou infeliz coincidencia o mundo cando retornamos ao retrato do coitado Vidal rosaliano! 'que tiña por casa un cortelliño escuro e por leito (sic) o chan humedecido'. Non ignoro que aquelas condicións non se dan arestora na 'ricaz' Galicia así urbana como dos alfoces sobre cuxas ruinas erguen as estampas do capital que o cinismo burgués chama progreso ás novas moradas e vieiros construídas sobre os estullos e outros detritos, enriba da memoria dos mortos; ríos e mares, outeiros e estesos coureis evocados polo poeta Novoneyra, moi anteriores ao seu canto a Vietnam, mentres Wall Street, miseria e terror regresa a calquera xeografía do planeta en mil formas e outras metonimias primaverais que achantan os vellos soños da liberdade masacrada polo referente que informa toda a economía mundial.


Toponimia global, patético mimetismo; pobres e ricos; libertos e verdugos á mantenta para xestionar calquera forma da vida e da morte nesta divina comedia dunha manchea de figurantes para facer vulto e palmas ás distintas versións e facianas do 'gran ladrón' coas benzóns das diferentes clerecías da Terra.


E o funcionariado da xustiza burguesa, nos seus 'variopintos' estratos a investigar as orixes e os camiños do latrocinio, en últimas estancias e instancias; saber dos cavorcos e a xénese da bazofia, do espolio que incesantemente publicita calquera 'medio de comunicación' entregado ou non ás mans do Amo, sempre disposto a calquera 'reforma' do casarío en tristeiro beneficio da escravitude que xamais se decatou da súa condición; alienados e colonizados, mentres a avogacía desnortada que tumba e dalle ás liberdades individuais dentro do cárcere do paraíso inventado polos mercaderes ao tanto por cento e man de obra barata e aparte, para que o comido nunca exceda ao servido, como 'Deus manda', que adoitaba dicir aquí e en Madrid Mariano Rajoy, presidente en precario do goberno de España, 'unidad de destino en lo universal', definición/indefinición sinistra do fascismo español que nega nación, estado e patria a calquera outra topografía do status quo actual derivado en lilailas autonómicas que en calquera caso só serviron e serven para duplicar as gabelas, cal é o caso da Facenda de aquí, e a estatal española, cabo do edificio que din dos xulgados, na rúa Lalín, para referirmos ao tempo de Vigo.


Comezou o verán, e pasou libre a noite dunha morea de habitantes polos areais de Alcabre, camiño do de Samil. Era lúa chea, e o desexo, obxecto e subxecto, contaban a ondas do mar a devalar, como nos solpores nostálxicos doutros empardecidos na Lanzada.


Te puede interesar