Opinión

DECURSO E TRÁNSITO DO TEMPO

Acontecen veloces os días, cabalos nas noites loucas de todos os agostos da vida, quen din verán. E a dama en flor a ligar bronce e soño como os xitanos de García Lorca, que para se entreter erguían dos regatos 'glorietas de caracola y ramas de pino verde', mentres Mariano Rajoy, como un rei de ouros fóra da baralla, proclama a súa inocencia sen deixar de admitir os sobresoldos en branco sobre negro anotados polo amanuense Bárcenas nos crípticos cadernos do debe, haber e saldo; un costume inveterado en calquera democracia burguesa devida, coma neste caso, da ditadura franquista que nunca foi repudiada polos deputados españois no seu conxunto, malia as propostas dos distintos leves e distantes, silenciadas polo bipartidismo representado pola social-democracia e o neoliberalismo. Cae obvio e inútil o silencio enriba da morte, calquera que sexa ela, con ánimo doloso de destruír a memoria, para que o almanaque faga ?se cadra- prescribir a afronta, o latrocinio e a usura que apenas contempla o código penal español. Xuíces e fiscais do aparello xudicial procuran fírgoas e baleiros nas contornas da lei para que esta sexa igual para todos, como proclamaba El-Rei de España nos últimos días do ano 2012, no discurso previo ao Nadal. Pero máis alá de calquera casuística, ben sabe o pobo que nada é así, e unha morea casos resultan elocuentes: 'preferentes', desauficios, pequenas apropiacións da 'necesidade' e o desherdo no pútrido paraíso capitalista co que declaman o 'Pai Noso que estás nos ceos' anatematiza o cinismo teodiceo, calquera que sexa o credo. Abofé que ningún buda é inmortal, inmorrente, nin sequera os que imaxinou delirante o homo na noite insubmisa da historia, para entendere a fraxilidade, o tránsito implacábel dos días furados nas follas dos calendarios con alfinetes de branco alivio dos que tanto gustaba o inglés John Locke, inútil pai do desiderato empírico e o liberalismo da 'modernidade' co que tanto enchen a boca, ai! ?sen sabelo- os cronistas á matenta dos mercaderes de aquí e de aló, para que logo veña innecesario o presidente do goberno español a dicirmos que foi vítima inocente dun engano e nunca actor subsidiario dun 'delito' perpetrado polo tesoureiro Bárcenas. Se cobrou baixo corda ?negro- é algo que carece de interese, cando o valor probatorio está tan só no cobro, e non no anecdotario pseudo sentimental entre a vítima e o trampulleiro que tantos democráticos anos levou as contas do partido que Rajoy escolleu para suceder a José María Aznar que aínda non aclarou a existenza das 'armas de destrucción masiva' coas que contaba Iraq cando meteu a España no asalto despiadado ao réxime iraquiano en mans de Sadam Husein, ex aliado ad hoc de EE.UU cando as súas bélicas desputas co goberno islamista persiano. Controlado o ouro maldito polas multinacionais do oprobio, xa pouco interese ten aquela xeografía de homes e mulleres á intimperie de santos e santóns armados polos traficantes de occidente, a maior gloria de calquera teocracia celeste e agoreira, onde a explotación transcende ao drama. Velaí o agosto feliz das grandes superficies do imperio, erguendo as súas bandeiras inequívocas entre a ruína e os entullos, do pop art, ao povera, que mesmo confeccionan un burka como uns vaqueiros lavados a dura pedra silicótica.


Pero isto, cabo de todo e nada, é o de menos, porque hai que pór mans nos obradoiros e receitas do FMI, BM, OMS, e outras organizacións sen aparente ánimo de lucro, travesía non inherente a calquera pequena e mediana empresa, cuxo único desexo, como explica incansábel o ex banqueiro, é 'crear postos de traballo' (despois de telos arruinado) con despedimentos encubertos en non moi distintas nomenclaturas para ben de uns e extravío das outras.


Albíscase a luz; a fin da recesión, proclaman os dramatis personae desta divina comedia.


Pasou a procesión do Santísimo Cristo de la Victoria. O alcalde portaba unha candea e o colar identificativo da súa condición.


O bispo da diócese, pregaba polos mortos e os aflixidos. O nacional-catolicismo aínda é vivo no estado aconfesional (laico) español.


Nantronte, á proposta de Abel Caballero, o comisario Almunia foi declarado 'persoa non grata'. Por unanimidade foi aprobada a oferta.


Anda un na lectura de Retallos daquela infancia, intempo de Las, Eiras e Loucía, de Bautista Álvarez; horas daquelas horas e semellantes milagres.


Te puede interesar