Opinión

CULTURA ESPAÑOLA

Os cataláns foron educados no desprezo á cultura española, salienta o xornal de máis tiraxe do status a propósito das denuncias cara as actitudes totalitarias do señor presidente do TC español, que no ano 2005, e aínda hoxe, manifesta saber do que falaba, e non deixa de dicir o mesmo. O problema, se existe tal, é saber que é o que entende por 'cultura española' Francisco Pérez de los Cobos, natural de Yecla e tempo de Murcia, autonomía (hoxe) coa que con tanto desprezo actuaron 'las reales ordenanzas' promulgadas polo rei Carlos III, onde se falaba de 'murcianos, gitanos y gente de malvivir', capítulos militares que aínda non hai moito días da nosa historia foran mudados, logo da morte do Infame. Entre os ciganos (permítanme o lusismo), poderíanse incluír galegos e outros homes e mulleres que o sentimento nacional-católico español instrumentalizou cando o 'Caudillo por la Gracia de Dios' inauguraba encoros aquí e acolá? Ricordàre: questo luogo mi recorda la mia gioventù. 'Murcianos, valencianos, catalanes, andaluces, extremeños (sic), españoles todos?'


Andaba a velliña do tute godallo da vida polas xornadas anunciadoras do outono e a vendima . Logo de iren ás Américas e tantas outras xeografías extraviadas na desmemoria, a xente de aquí emigraba a Euskadi e Catalunya, para pormos un exemplo. Taxis amarelos e unha liña negra no mediodía de Becerreá, pouco antes e despois de Panamaior. Teño falado con xente de Murcia transterrada polos días grises e fríos dos Ancares, da ponte de Doiras ao Piornedo, pasando por Donís e Campa da Braña, ultrapasado calquera agosto.


Os xitanos de García Lorca xamáis chegaron aló. Morrían de pena en calquera poema de Granada e todo o señoritango andaluz cruzado polos ingleses que tamén ensarillaban buqués de luxo orelas do Douro, enriba de Vilanova de Gaia.


E na caravana dos xitanos ían os divinos mozárabes aristotélicos que haberían de resucitar en París, cabo do Valle-Inclán amortallado para sempre en Compostela, moito antes de ser asasinado nas últimas noites do 'Español', un café que moitos de vostedes recordarán, case por enfronte do resistente 'Derby', onde degustaba grolos de pura camomila o enigmático Mestre Mateo, quen di das xornadas abruptas e escarpadas de Donón, sempre Morrazo, onde o señor Castroviejo enguedellaba lúas cheas e outras historias de golpes que logo lle contaba polo miúdo a maese Cunqueiro, cando este aínda non saíra das singraduras do Masma.


No 'Gran Teatro' cantaba Caracol 'La Niña de Fuego', a mesma que logo, ai! 'españoles todos' entoaba Lola Flores nas sesións privadas do Pardo.


Viva la vida! Escribían contrapostos os vellos lexionarios de Millán Astray, que aínda ten praza de lume e derrota nos empardecidos do Orzán. Así escriben eles a historia, Riazor adiante, e Barrié de la Maza, anegando os vizosos terreos da posguerra, para lle dar luz a unha Galicia extraviada, cando xa o cego de Guntín non erguía ao vento nordés as coplas dos últimos veráns no Tindari oculto do poeta Quasimodo.


Españoles todos, dixo a maior gloria de calquera deus, o señor presidente do alto tribunal, por enriba do ben e calquera outro mal. Encontro de culturas e outras menores civilizacións, a saber.


E isto é todo o que sabe e non sabe Francisco Pérez de Cobos, que fala por non estar calado. Amén. Calquera voo pode saír do intempo de Torroso, Vigo e Redondela. Aeroporto internacional da 'área metropolitana', un subxénero literario, cabo de todo, e máis nada.


Te puede interesar