Opinión

Contabilidades e outros buracos negros

Que o xuíz Ruz albisque ou entenda indicios dunha contabilidade B nas contas do PP que outrora levaron tantos e acabaron en De la Puerta, e na coda Bárcenas, non sei de certo se será proba irrefutábel para demostrar montes e moreas de “financiación ilegal”, cando tal práctica é inherente a calquera aritmética dos vellos tendeiros do oprobio, comezando polas casas usurarias que para ben da súa perpetuidade no mundo, defenden e subvencionan os estados burgueses que representan na alternancia de goberno, ora a dereita, ben a esquerda festeira aderezada de social-democracia en calquera xeografía que habitamos e a un tempo nos habita; unha lilaila entre o xusto e o legal. No franquismo a corrupción era unha parte consubstancial de si, e logo de morto o Infame, a Democracia proclamada en termos tan ambiguos como contraditorios, permitiu que as cousas non mudasen máis nada que en aparencia, como tentara non inutilmente o vello Lampedusa para que a súa caste non perdese os arcanos privilexios, acollendo no seu seo aos libertos que outrora foran fámulos ou mandadeiros, facéndolles crer e ver que remataran as fronteiras da explotación e o oprobio, achegándose, máis que restituíndo, os princios da revolución: liberdade, igualdade, fraternidade. Aí estaba e está, coma neste caso a Constitución española coas ambigüidades e as mesmas contradicións nos termos que salientabamos nas liñas precedentes. Todos temos dereito a traballo vestiario, educación, vivenda digna e sanidade; todos somos iguais perante a lei. Fermosas palabras que deveñen máis do abstracto poético que da realidade pura e dura que a calquera muller ou home tócalle de vivir, que nos retornan á estafa e o engano bíblíco de cando calquera deus inventado polo homo expulsou do edén ao coitado Adán, e acusar a Eva de se fartar de figos cando a vida florecía na primavera de calquera setembro, e o taciturno, devorado pola súa loucura, non daba creto a tanta amargura sen apócemas, que xa eran certas, sen que os curandeiros de entón, soubesen recoñecer as patoloxías da alma, sempre sociais, onde a Nai Natureza mandaba facer xogo coma os modernos tafures e outros croupiers semellantes aos da banca e a bolsa que todos hoxe en día sabemos, entre xuros, dividendos, debes, haberes e saldos, entre gabelas e sobresoldos que ninguén sabe explicar, pero que todos proceden do non sei se ben ou mal chamado erario público, que en grande parte se beneficia primeiro Deus, e logo os santos, como nunca deixou de ser antes e logo desta democracia burguesa vixente. E todo isto e outros recantos enigmáticos das secuencias numéricas explícao moi ben, conceptualmente, o presidente español Mariano Rajoy, e canda el os seus ministros Montoro e De Guindos, cando non o fai a vicepresidenta Soraya, algo ou moi pouco do que copia ad litteram, o patético mimetismo hispano, de cuxa estampa non se libran moitas das autoridades autónomas e municipais de aquí e acolá, entre ERE/s, Preferentes, Lei do solo, e outras bondadosas achegas “histórico-literarias”, que logo de pertinentes catas e posteriores excavacións, poden ou non servir para instalar “centros de interpretación”, ou financiar en desinterados intereses, grandes casaríos de ocio e outras mercadorías que non di un que sexan negativas para o desenvolvemento da economía nacional española, na que Núñez Feijóo tamén entende Galicia, e por engadido, a criación de centos de “postos de traballo”, aínda que non saibamos a onde irían parar as plusvalias que usurpa o capital. As contabilidades, sonlle así de sempre, sen que por tal deixen de ser delituosas, como intúe o xuíz da Audiencia Nacional española Pablo Ruz, a propósito do que moitos de vostedes han saber de mellor tinta.

Te puede interesar