Opinión

Certeza doutro outono

Comprendo a carraxe dos santos inocentes que como dicía Celso nun dos poemas de Longa noite de pedra “… presento o testemuño das aldraxes/ e doume ao medo dos primeiros homes/que alcenderon lumieiras nos curutos/e creron na libertade dos soños”, escribo coa memoria, e cecais partille mal os versos e trabuque algún grafema, porque agora mesmo non atopo entre os meus libros o poemario que cito, cando un deambulaba polas rúas de Lugo e Compostela, aló polos derradeiros días dos 60, século XX, apenas cambalache, co Infame aínda rufo asinando penas de morte no Pardo, sen piedade, in nomine do Pai representado polo nacional-catolicismo que aínda dura perpetuado en si mesmo, cal unha metamorfose que nin Ovidio nin Kafka serían quen de explicar. Pero “a casa sempre/regresa en cada casa”, evocaba X. M. Álvarez Cáccamo en Crónica do espanto (1998), e a calquera de nós, nos soños, decote retornamos a lar, ao faiado, ou corredor nunca abatido polos invernos nin pola luz ensoberbecida do verán, cando as “púberes canéforas” rubenianas ligaban bronce e soñares no areal, cabo dos piñeiros manselos que vostedes poden libremente interpretar cos nomes de Alcabre, Samil, Vao, Canido e Arealonga, e no lonxe Pedras Negras ou a Lanzada, onde a novelista Teresa Moure debullaba o nome dos distintos ventos para a lingüística xeral. Todo e nada ten que ver co enunciado, aínda que a proposta, por máis, que semelle indicar outra cousa distinta.

É innegábel que a “doutrina Parot” aplicada pola xustiza española contradicía o propio sistema penitenciario que con maior ou menor fortuna indica a Constitución, e non é menos certo que a súa aplicación vulneraba a “carta de dereitos humanos” asinada no seu día polos representantes do status, de esquerdas e dereitas. O codex penal vixente non puña reparos, e os lexisladores ollaron para a outra banda do río, non ignorantes, senón pola conveniencia social coa que tanto enche a boca o patriotismo barato e hipócrita dos “mercaderes venecianos” de aquí e de aló. Unha cousa é o pecado –por grave que sexa este- e outra é a penitencia imposta, e esta, malia que nos doia, conleva a redención, algo que o franquismo aplicou tamén nos días máis sinistros da historia española, pero só para agachar a falsa xustiza e patética bondade do sistema, que polo demais e o de menos, non deixou de aplicar a “pena capital” ata os seus días postremeiros. Felizmente a condena de morte desapareceu. Se na democracia houbo e hai rebaixas para calquera ruín criminosidade é algo que os lexislantes acaso non levasen de conta, e os xuíces aplicaron con distintos e sempre humanos criterios, nunca libres da súa adscrición ideolóxica así de evitábel como o contrario.

O amargo paradoxo é que o totum revolutum xa está servido e posto a disposición dos comensais en bandeixa de fría prata, e entendo a carraxe das distintas familias agraviadas pola liberdade de tirios e troianos.

Porén, tampouco entendo, sen adentrarmos noutra caste de taxacións e impuntuais xuizos de valor, que o Código Penal que rexe na España democrática, debería contemplar outros actos delituosos semellantes ao horror e as súas dolorosas consecuencias, para ben de todos, e non só para beneficio doutras figuras e figurantes da burguesía capitalista que mata coa benzón da gobernanza que administra o paraíso da globalización.

Te puede interesar