Opinión

Cando me falan de España...

A un, dende a ignorada e enigmática noite do tempo, díxéronlle que era “cristiano, católico y español”, e aprendéronllo a sangue e fogo, máis alá da metáfora e calquera hipérbole ou metonimia en distintas e non distantes escolas do “sentimiento trágico de la vida”, cando aínda non lera a Unamuno e outros heterodoxos non citados por Marcelino Menéndez y Pelayo na súa insoportábel historia de España, agora mesmo non recordo se menciona a Prisciliano, que o mesmo pensador español sospeitaba soterrado e venerado en Compostela, en troques do apóstolo Santiago, que foi decapitado en Palestina e o “milagre divino” fixo resucitar aquí e alí para ben do occidentalismo ideal e ideolóxico, que o fascismo franquista proclamou indecente e impiedoso, “reserva espiritual de Occidente”, logo de abatir a República (1936-1939), que non foi alá moi xusta nin equitativa coa nación galega, aínda que moitas mulleres e homes da democracia monárquica española non o saiban. Para aló de Covadonga e Don Pelayo; incluída a listaxe dos reis godos, que se mal non me lembro, obrigáronos a memoriar; o Padrenuestro e o Ave María, á par que os derradeiros Recaredo, Wamba e Rodrigo, os dous primeiros enunciados sen o Don que levou a este último á condición de traidor, por lle vender a matria-patria aos mouros, cando el non era máis que suxeito de mercados e mercadorías como nunca deixou de ser o Infame que abriu os ollos no Ferrol de ferro, decote luz gris, moito antes de inauguraren os fascistas o Cantón de Molíns; e Vicetto Vizoso, funcionario de prisións e historiador romántico escribira unha historia de Galicia, e máis dunha nouvelle da vie, oeuvre et mort da nobreza, fidalgos e fámulos á matenta dos seus amos, tal que así impuña a arcana sociedade feudal, abatida en “vodas de sangue” pola monarquía e a burguesía. Pero estas cousas que veño de contar, cecais pertenzan mal que ben, ao anecdotario paradoxal que fai e non ao caso, e mesmo poida que non lle interesen a ninguén neste 2014 de moreas de mediocres e outros xémaros instalados no Poder, que explican a fartar as “cicloxéneses explosivas” aderezados de tristeiros tamburinis e finos tafiletes, con ou sen garavata. Velaí un anaco daquela “Conxura dos necios” que escribira o mozo americano Kennedy, non emparentado –creo- coa afamada familia daquel presidente que asasinaran en Dallas no ano 1963, cando o cronista era pouco máis que un adolescente, e polos tellados de Cangas non deixaba de rondar “un terror de auga fría”, lendo nos camiños de ferro Longa noite de pedra, poemario que como vostedes ben saben é da autoría de Celso Emilio Ferreiro, do que este ano van cen do seu nacemento en Celanova.

Por recordar, poderíamos citar dous dos poemas de Rosalía; e incluso máis dun marxista de tebeo cuxo nome e apelidos dixera unha vez na desaparecida cafetaría Goya, de Vigo, un meu amigo xa morto, natural da Fonsagrada e instruído no Instituto Nacional de Bachillerato lugués, o mesmo que arestora leva o nome de Lucus Augusti , próximo ao Parque e aquel hospital da Milagrosa onde faleceu a nai, e o mozo viu por primeira vez uns retratos da infancia tristeira realizados polo pintor Villar Chao, quen temos saudado polas rúas da Coruña, “cidade vella”. Que sería daqueles óleos? Tal vez escambulláronse na subhasta, entre os entullos.

“Cando me falan de España… ”, e non estou a me referir a palabras que esoutro día pronunciou no “Congreso Nacional” do PP, en Valladolid, o presidente de España Mariano Rajoy Brey; nin tampouco a cántiga que entoara Suso Vaamonde en Pontevedra, non ho!

Sabén e aman ata o éxtase a “unidad de destino en lo universal”, “patria común e indivisible”.A patria subxace e groma na oratoria dos patriotas, como nas palabras daquel don Peredita de Valle-Inclán, en Tirano Banderas. A seguido da ladroíza perpetrada “a escote”, os señoritos obteñen substanciosos beneficios, e proseguen desafiuzando coa aquiescencia, senón da totalidade, si de grande parte dos xuíces e fiscais do status.

Ora pro nobis, miserere nobis, saloucaba envisa no tempo a velliña do tute cabrón da vida,

Esoutro día deste inverno, paseaba cansa e amargue polo empardecido de Mourigade e Lavadores, abatida por un ballón semellante a aquel que aló en París matou ao poeta César Vallejo.

Te puede interesar