Opinión

Camiño inevitábel do outono

Andaba o cronista pola tarde aínda gris do antigo Lavadores que resistira o acoso da infamia logo da lectura do bando alá na vella Porta do Sol e xullo de 1936. Transcorreron setenta e sete anos ben contados pola velliña do tute cabrón da vida cando a noite caía enriba dos últimos tellados do desaparecido “camiño das cruces” e fonte dos Choróns, e un cre que levaba este nome polo salgueiro que había a carón dela, e unha procesión de sombras sen fin abrazaba os emparrados de Mourigade, baixando polo empedrado da rúa León, que outrora teño ouvido dicir Llaneza, para adentrarmos en García Barbón (hoxe Numancia), dou fe, polo testamento aberto de Manuel Villaverde Araujo, mestre canteiro e natural de Mourente, falecido en 1932, tamén setembro, parente de Elpidio, deputado con Castelao polo FP republicano, exiliados en Bos Aires, como tantos outros. O canteiro, se é bo dicilo, foi soterrado no adro da fábrica de Santa Cristina, moito antes de que ergueran o templete á descuberta, cabo do predio perfumado de mazairas que ocupou o xeneral San Juan, segundo me teñen contado os vivos e os mortos. Quere un dicir que na xornada que describo, fun procurar a memoria das desaparecidas tabernas e os tranvías, vagalumes na noite, que o meniño vía pasar cara Cabral, ata o corazón de Porriño, onde o arquitecto Palacios doulle xeito ao consistorio, cal castelo neogótico, con permiso e licenza dos que máis saiban destas construccións.

Non sei se o canteiro sería crente ou non, e digo que o ano no que el se foi, Pío XI era o papa romano, cardeal Aquiles Ratti, autor de Casti connubii, encíclica a propósito do matrimonio, escribo para información de quen lea esta travesía cara os días da vendima xa nos primeiros andares.

Aqueles almanaques coas follas furadas con alfinetes de alivio non eran mellores que estas horas que van e veñen polos reloxos que indican indiferentes calquera hora do mundo global que arestora a burguesía depredadora nos fai vivir, a maior gloria e substancioso beneficio da usura capitalista que a explotación sen fronteiras chámalle progreso, ou se cadra circunstancias propias e transitorias en beneficio de calquera asalariado, que logo de tantas estafas perpetradas polos señoritos de toda a vida, deixan que o ínclito De Guindos, tan admirado en Wall Street e no FMI , anuncie a bombo e prato que para o ano que vén, a economía (española) empezará a medrar, e choverán empregos e outros menores días ao sol, ou nas portas abertas de calquera paraíso artificial, grazas a admirábel reducción do gasto público a favor das clases máis desposuídas. Non deixan de recordalo nas canles de TV, as palabras digo, reproducidas no Financial Times, mentres as xornadas transcorren veloces, dacabalo dos ERE/s benditos e necesarios para ben da clase traballadora, o proletariado que chegou ao manexo indispensábel de duro plástico-ouro, que está a agardar que no ano 2020 España, como ten que ser, organice as Olimpiadas, e na Villa y Corte, se me permiten a expresión, chovan euros e moreas de postos de traballo.

Non paga a pena o se laiar. Con democracia e monarquía parlamentar, un xeito de federalismo está a chegar, alomenos é o que cren e non silencian os “grandes pensadores”, de aquí e de aló. Benzóns para todos, sen desprezo de ninguén.

Retorna aí o tempo dos callos, e un procuraba persoa que souber daquel “Bar Grande”, xa desaparecido. Tempo de Lavadores e Vigo.

Te puede interesar