Opinión

CAMIÑO DO SOLSTICIO

De verán, naturalmente, mentres que o vello loitador José Mujica, presidente hoxe da República Oriental do Uruguai achegouse ao intempo do Orzán, e logo á Punta Langosteira, que non sei porque lle chaman así, e non dubido das razóns 'cartográficas', nin da sabedoría natural dos mariñeiros, así de homes como mulleres alistando nos vellos espazos ou campos das redes, como o que houbo en Bouzas, hoxe alameda do alcalde Suárez Llanos. O porto exterior da Coruña, co nome que aquí dixemos foi construído despois da infamia do Prestige, unha chatarra navegando polo mar galego coa aquiescencia e a complicidade criminosa de toda a barbarie capitalista que asola e explota homes e xeografías. Non sei en que ficou o xuízo, a sentenza, e cales as responsabilidades derivadas destoutra historia universal da mesma infamia coa que moitos se fixeron ricos e outros caeron definitivos nos foxos da pobreza. A verdade é que non me importa, pero si que recordo cando os da plataforma Nunca Máis achegámos a Madrid, Porta do Sol tristeira e Alcalá; primeiro cabo da Cibeles, esa ninfa da auga onde os habitantes da 'Corte y Villa' celebran case todo. Xa choveu, e non están entre nós Juan Carlos Onetti, nin Mario Benedetti. Ao primeiro recórdoo en Madrid, carafús e desnortado, escambullado entre exotismos e vaguidades da súa militancia esquerdista en Montevideo, perdón, quero dicir Santa María: Deixemos falar ao vento, título que un quer pór en galego. Benedetti era algo máis que 'o lado escuro do corazón', aquel filme inesquecíbel que vimos de estrea nun cinema vigués que xa non existe, cando aínda era vivo Torrente Ballester, tan amigo de Onetti como de Juan Rulfo, o autor de máis de mil anos de soedade, que García Márquez deixou en cen, con moitísima razón ad hoc.


E aquí proseguimos, asistindo á caída de case todos os imperios do mundo, menos o do capitalismo que defenden a dereita sempre reaccionaria e a social-democracia indecente e fantasmagórica, co único obxectivo de manterse empoleirados en calquera caste de poder.


Imos cara o verán, e os días son raros, estraños, a transcorrer o ollar indiferente de homes e mulleres nos ríos máis avoltos e ruíns da vida e da morte. Vello e nostálxico tupamaro agora en Galicia a lle dicir que non lle deixen o camiño arado aos chineses e aos gringos; para que poñan cartos alí os trileiros e outros emprendedores empresarios de aquí, todo por 'calquera patria común e indivisíbel'.


Leva razón Mujica, que aínda sendo dos vellos amigos de nós, sabe que o mundo cambia, que está a virar en moitos casos e casas para ben; que imos cara o solsticio


enunciado.


Aínda que nos amosen tantas veces as estampas das vellas e máis recentes feridas: un adolescente afogado en Salvaterra, Miño silente desta primavera.


Non sei o que lle diría Núñez Feijóo a Mujica, pero supoño que ben pouco, pois axudar a Pescanova cunha saqueta de euros/ouro, un 'prestamo' que poderá ser renegociado, segundo circulen os trens e naveguen os barcos.


O alcalde de Vigo defende e convoca aos empadroados na cidade para defender os voos directos no aeroporto de Peinador. Non defenden que entre Vigo e Lugo o transporte público e as vías de comunicación entren no delirio da inexistenza. A vella estación de Redondela xa é un conto asombrizado do pasado, poñamos por caso. Imos para calquera sonata de estío, e Valle-Inclán na memoria irredenta de Compostela.


Te puede interesar