Opinión

Bilingüismo, trilingüismo

Como era poco e ben escaso o bilingüísmo, harmónico ou natural que se dicía –e aínda se di- tamén os sabios devidos da Torre de Babel acordaron o trilingüismo, en ben da lingua da Nacionalidade Histórica que é Galicia, sen deixar de recoñecer a “Nación única e indivisible” que para “la unidad sagrada de la Patría” nunca deixou de ser España coa súa ricaz variedade de feiras, festas e romarías, que outrora da historia feliz escenificaba máis alá dos domingos e festas de garda aquela Sección Femenina que o fascismo puxera en mans de Pilar Primo de Rivera que vostedes han recordar. Eran os días e as horas de San José Obrero, que logo fora mudado en “Fiesta del Trabajo”, “por Dios, por España y su Revolución Nacional Sindicalista”, que vagamente recordamos aquí, na rúa Policarpo Sanz, e aló en Lugo na de San Marcos, arcano caleixón que fotografara o impresor lugués Soto Freire, nun fermoso libro saído do obradoiro da Editorial Celta, case enfronte do pazo da Deputación Provincial, que outrora for Instituto Nacional de Bachillerato, do que era aplicado discente o adolescente Fraga Iribarne, segundo el mesmo ten contado, e cabo do vilalvés, Celestino Fernández de la Vega e outros dramatis personae e demais figurantes e demiúrgos da cultura galega. Áo mellor tamén fixera algún curso alí Ramón Piñeiro, Luís Pimentel Ánxel Fole e o propio Álvaro Cunqueiro. O idioma galego, en calquera caso, estaba proscrito, pero a xente non deixaba de falalo, aínda que o vehículo de comunicación habitual fora o castelán logo tornado en español, cruzado dunha sintanxe e fonética que provocaba o benevolente riso entre as “elites” máis cultas colonizadas pola “chulería mesetaria”, algo que aínda hoxe vostedes poden percibir en calquera recanto da nación negada por uns e outras. Cavilo agora na infancia e na adolescencia de tantos concellos de pouco máis de dous mil e pico de almas esparexidas ou ciscadas nos profundos da xeografía de nós, e acoden á memoria os meniños de Donís e Campa da Braña, así como as tardes de Pedrafita e Becerreá, e Os Peares entre dúas provincias de nós, onde dunha delas, adscrita a Ourense é, con todos os respectos, Alberto Núñez Feijóo, de quen é mester repetir que é o presidente da Comunidade Autónoma galega, o mesmo , asesorado por documentados filólogos e egrexios sociolingüistas derrogou o decreto de Normalización que no seu día tamén aprobara Fraga Iribarne, sen deixar de ser español e obvio cidadán do mundo, onde o idioma do esfiañado imperio, daquela maneira, é o segundo en falantes, logo do inglés de aquí e de acola, que é o idioma “científico” por excelencia, onde mesmo pode ser entendido, goodbye, polos chineses, xaponeses, australianos, filipinos, indios da Unión, palestinianos, emiratos árabes, extinta URSS, e outras nacións con ou sen estado.

Pero a sorte semella estar botada, tanto pola lei Wert, que fala catalán máis alá do privado, como El-Rei explicáse ben en inglés, francés, portugués, e outros idiomas que agora non me veñen á cabeza.

O inglés, insisto, é esencial, claro que si, non para entender o medieval de Shakespeare, senón para que as crianzas galegas, canten Happy birthday to you cando estean de días, e xa de mozos bariles procuren traballo en calquera multinacional da explotación sen fronteiras. Bonjour tristesse, lembro de La vie inmédiate, do poeta Paul Éluard, texto poético que novelara Françoise Sagan en 1954. Non sei que acontecerá no recurso de casación presentado pola Xunta perante o Tribunal Supremo. “Ollos que vén, corazón que sente” proclaman os herdeiros dos vellos Montes de Piedade, que serán engolidos pola usura de herdar os beneficios que houber, e distribuír as perdas entre a pobreza da infame ladroeira, mentres as pensións, para quen as teña, só subirán o 0,5%, para lle facer fronte a calisquer copago, e outras gabelas ou pabeas do bendito progreso, onde hoxe perdes ti e mañá gaño eu. Ora pro nobis. En Vigo, como non!. -Yond light is not daylight; I know it, I. (Aquela luz do lonxe, seino, aínda non é o abrente”. Puña don Guillerme na boca devecente de Xulieta.

Te puede interesar