Opinión

Bilingüismo natural

Así, coa debida licenza e respecto, o antedito forma –tamén- parte e arte do “bilingüismo natural”, mesturado co “harmónico” disuasorio, nun exercicio de sublimación da palabra, que cecais resulte fútil, banal, pero é o que se leva, por non dicir o que hai. Admito que non sei moi ben que quer dicir o enunciado que aproveito para intitular esta columna, malia as explicacións que no seu día fixera públicas o actual secretario da Academia Galega, logo de que o goberno autonómico de Galicia, asesorado por esforzados e autorizados filógos, sociolingüistas e non distintos semiólogos, desbotase aquel Decreto de Normalización Lingüística que no seu día asinaran os dous ou tres partidos que entón tiñan representación parlamentar no pazo do Hórreo, o casarío que antano, se mal non recordo, albergara aos militares do exército español adscritos ao Regimiento Isabel Católica, con número e todo, desaparecido cando a xeografía do Estado fora desmilitarizada, despois que “la Unidad de Destino en lo Universal” entrou non antes e logo da Unión Europea, OTAN, e outras organizacións da democracia instituída pola burguesía, cuxo particular paradoxo non é outro que a monarquía restaurada polo franquismo, bendecida polo nacional-catolicismo que aínda é vivo, e canda el a tan só aparente aconfesionalidade que proclama a Carta Magna, con día festivo que non deixan de celebrar uns e outras en todo o “territorio nacional”, de santos, concellos, comunidades eremitorias, xuntanzas, procesións pías e laicas aquí e acolá, onde só as neotabernas do Imperio esfiañado permanecen abertas, igual que as pequenas ou grandes fábricas da fe. E non está mal ho! –pois tamén a pobreza ten dereito a un antollo sufragado pola piedade e o altruísmo empresarial, sempre sen ánimo de lucro, como o “Instituto Nóss”, do señor Urdangarin, no que o fiscal Horrach, non ve para nada á duquesa de Palma, senón como asinante por encarga ou ausencia do egrexio heroe do balonmán español, Alta Señora que aparte de recibir unha moreíña de euros do erario público que o status asigna á Casa Real, percibe tamén un digno salario polas funcións que desenvolve como ninguén na entidade financeira que un non ousaría nomear catalá, xa que logo, a banca carece –por definición- de patria, aínda que se aproveiten dela, cal é o caso de calquera casarío que ten a Wall Street como referente sen fronteiras, onde todo é aproveitábel: ouro e chumbo; corazón e homo. Calquera de vostedes pode ampliar ao seu gusto a listaxe, sen deixar de incluír nela os “sagrados dereitos humanos” que cada persoa entende como mellor souber para a súa gobernanza e mesmo na conxuntura social.

Ningunha das dúas prácticas serviu para máis nada que o esquecemento do idioma galego, como ben se ve pola escrita e a oralidade comunmente usa irrespetuosa a gobernanza de aquí, agás casos contados e ben dignos de levar de conta, arestora empobrecidos, mutatis mutandis, polo inglés do trilingüismo de obriga que faría enrubecer a Shakespeare; e no español, aos grandes autores do “Siglo de Oro”, para non irmos máis lonxe.

E no fío do contado, un non deixa de esquecer o “Bando co gallo do Día da Constitución” que esoutra xornada pronunciou o alcalde de Vigo, redactado, segundo leo, por Marisol López Martínez, Xuíza Titular do Xulgado de Instrucción nº 3, desta cidade, que un intúe escrito nun idioma distinto ao que logo foi traducido, incluídos os versos de Antonio Machado, abofé que sen desperdicio: “Españolito que vés ao mundo que te garde Deus, unha das dúas Españas ha de xearte o teu corazón”. As cursivas entre as precedentes aspas son de meu. Felicito á señora maxistrada polo seu esforzo e non dubido que nobre intención, á marxe das súas preferencias socio-lingüísticas, pero o poeta sepultado en Colliure, verquido así ao galego, é desafortunado, sen entrarmos noutras avaliacións do texto. Ben puideron os filólogos ad hoc, do Xulgado ou mesmo do Concello, corrixir, alomenos, a advertencia do poeta escrita camiño do exilio.

Te puede interesar