Opinión

Arredor da memoria

Anda un estes pArimeiros días do ano na lectura do Ulises na nosa lingua, que en inglés cruzado de gaélico irlandés publicara James Joyce, en 1922, en Shakespeare and Company. A tradución íntegra na nosa lingua debémoslla a Eva Almazán, María Alonso Seisdedos, Xavier Queipo e Antón Vialle. Fermoso libro publicado pola Editorial Galaxia, o mesmo do que limos algúns dous ou tres capítulos verquidos ao galego por Ramón Otero Pedrayo, e digo de memoria que no 1926, na revista Nós, aló polos primeiros andares de 1970, outro inverno distante deste, cando o silencio precedía á nevarada na Praza Maior luguesa, moito antes de ler na súa totalidade a versión que do Ulysses, en español (1976) fixera José María Valverde, cun prólogo que excede ás 60 páxinas. A orixinalidade inaugural do libro, se cadra, é que as mil páxinas transcorren na rotación dun só día, e digo “orixinalidade inaugural” lembrando as palabras de Pablo Neruda: “No existe, es un fetiche más de la burguesía”. Porque ser ou non orixinal está ao alcance de calquera idiota, muller ou home. Calquera falabarato está convencido da súa “novidosa singularidade”, e hai algúns que mesmo cren que enxergaron o Mare Nostrum, que coma vostedes ben saben é co nome que os romanos designaban o Mediterráneo. Desculpen a digresión, se houber tal. Arredor da memoria, pois, que é do que escribimos ou falamos con maior ou menor fortuna, acerto ou desacerto. Pero semella que as lembranzas enfranquecen, ou sexan máis ben un acto deliberado da condición do homo, de maneira que cada quen recorda o que lle interesa recordar, e así xustificar o esquecemento, o olvido, perverso ou non. Abondan os exemplos na historia de nós, para crucificaren os demais, e xustificárense eles e elas, como o retorno ao “pío” nacional-catolicismo que pretende Ruiz Gallardón verbo do proxecto da lei do aborto; e outros ministros do goberno de Mariano Rajoy, -incluído o sucursalismo “autonómico”- para repetiren patéticos que “en España empieza a amanecer” letra do epinicio fascista que levan gravada na alma de “demócratas” do imperio capitalista.

E como vai de lembranzas, título que escollo logo de retornar á lectura de Arredor de sí, precisamente de Otero Pedrayo. Pois ben: cando o ano 1967, o mozo viaxou nun autobús da Empresa Finisterre, dende Compostela a Fisterra, e pasaba a “camioneta” pola noite inmensa de Negreira, outra inverniza. O ballón era como o premonitorio de César Vallejo cando a tarde gris de París, e non chovía miudiño Alampaba o tempo en Vigo de Mallas, en Irixoa, en Ameixende, na Moa do Pindo, nos peiraos do abrente. A maioría de idade era aos vinte e un anos, que na democracia burguesa rebaixouse a dezaoito, pero con catorce anos calquera persoa era explotada polo altruísmo empresarial das súas manifestacións e facianas, e a adolescencia paseaba loito e leve alivio.

Malia a colonización lingüística a sangue e fogo, máis alá de calquera hipérbole imposíbel, a infancia rezaba o rosario nun latín que non entendían: miserere nobis, ora pro nobis…

Alancaban os días nos zapatos. Había actos criminosos que nin sequera saían no Caso. Naufraxios e hipóteses de traballo fraudulentas, estafas e desafiuzos; “formación profesional acelerada” da man sinistra do nacional-sindicalismo. Claro que agora hai liberdade condicionada polas casas usurarias e polos arcanos prestamistas devidos en multinacionais das finanzas e impúblicas facendas. E aínda hai xente que bota de menos ao Infame, e aínda non se decataron de que “o Energúmeno” deixou “todo atado, y bien atado”. Eu lémbrome dalgúns anacos daquela viaxe a Fisterra, ou de coller o Castromil na rúa Uruguai, en Vigo, de camiño a Santiago, atravesando as sombras lonxívagas de Rosalía en Padrón. Está noite chegan os “Reis Magos”, ou “Meigos” como a vostedes mellor lles acomode. Axiña regresarán outras rebaixas, sen un tristeiro Shakespeare que levar á boca.

Te puede interesar