Opinión

SEN ÁNIMO DE LUCRO?

Faime bosquexar case un sorriso amargue que a empresa 'altruísta' que artellaron os señores Urdangarin, Torres, Cristina de Borbón e outros seres humanos, os papeis fundacionais indiquen que non existía ningún ánimo nin intención de lucro. Como pode ser e mesmo entenderse iso? Por definición, calquera tenda e por extensión tendeiro ou abarrotero na linguaxe de Valle-Inclán (poñamos por caso en Tirano Banderas), ten, ergo conleva, evidente afouteza de proveito, ora para si, ben para outros. Non é logo delituoso e moito menos inmoral a menos calada indecencia. Se o ánimo da ofensa for así, toda a 'filantropía' empresarial podería ser xulgada polos tribunais que impartillan xustiza no Estado español, comezando por calquera casarío do sistema bancario sen excepcións de ningunha caste. O delito, se houber, está no engano e na apropiación (indebida e retorticeira) do 'desvío' do peculio que se supón de todos, á 'conta particular' dos argalleiros autopresentados coma santiños franciscanos acorados e preocupados pola pobreza e a miseria do mundo. E non digo eu que non puidese ser coma se manifesta, e que en moitos casos non deixe de ser así; claro que si. Os xuíces do status quo que nos atinxe, non 'condenan' tal sobredito ánimo, senón a apropiación do público en proveito 'propio', en troques de reparar ou aliviar a miseria imposta a sangue e fogo pola burguesía capitalista, así sexa a social-democracia, centro cósmico, ou o ultraliberalismo onde todo serve con tal de se 'enriquecer' a calquera prezo determinado polo mercado da vida que albisca no norte de si a morte.


Que a xustiza que como ben a entende o xuíz Castro impute á infanta de España faga tremar os sentimentos e os alicerces imposíbeis da monarquía hispana, non é para se estremecer nin pór o berro no ceo. Se logo do recurso presentado pola fiscalía o 'tribunal superior' das Illas Baleares di que non ha lugar nin motivo a semellante imputación, a verdade e que non se entende moi ben nada, cando Cristina de Borbón ten presidido e asinado actas e outros papeis, moito máis alá de ser unha figurante ou convidada de pedra, como parece ser que non é o caso da esposa do socio do duque, polo de agora.


O principio de igualdade da lei para todas as persoas fica aquí ensombrecido, e resulta ben normal que a xente de andar e ver poña en dúbida a premisa, o suposto. Un non dubida da necesidade e da honradez de calquera homo sapiens deste espazo e neste tempo; non ho! ?pero hai que dicir con claridade que a intención ou declaración de principios non concorda coa realidade, tanto neste caso como noutras estampas cinexéticas da España que os 'pais da patria' vagamente reclaman unha e a un calendario plural, unha contradicción nos termos.


Ogallá que a empresa e o devandito 'ánimo de lucro' non foran de ganchete, e que a plusvalía producida unicamente pola forza dos obreiros nas distintas colmeas humanas, revertese nas 'abellas' produtoras, e non na 'raíña' explotadora.


Non vexo Vigo, nin vexo Cangas, nin tampouco vexo Redondela, entoaba a contrafío da cántiga a velliña do tute godallo da vida, e aínda polos tellados de Cangas (Celso Emilio Ferreiro) 'ronda un terror de auga fría'.


O vento zoa estremecido na primavera estraña da nación negada: quero dicir Galicia,


escribo con ben escaso proveito este mércores sen cinsa. Abofé que é outra a causa, por moito que puidesen parecerse os presaxios, o empírico común dos días.


Te puede interesar