Opinión

Alegoría no intempo de Camelias Street

Describo, como Franz Kafka, unha loita, un tempo de in-saudade; el era cando facía o relatorio da Muralla chinesa; un é o regreso ao mundo nunca anuciado, pero sempre intuído. Esoutra tarde e primavera caían as folerpas dunha imaxinaria neve enriba dos ausentes paseantes do street, e a partires de aí todo é unha invención, un intento de sobrevivir, ou unha tentativa daquel home que quixo ser infinito, en versos ou palabras de Pablo Neruda, cando aínda a brancura sinistra, dixo Valente, non caía nos vermellos colmos isolados dos mapuches, en Chile, explotados polo status quo de si e os días de Iberdrola que aló representa a social-democracia da “galega” Elena Salgado, arestora que o poeta reagoniza na memoria irredenta de Isla Negra, devorado outra xeira polo cancro. Así, quero dicir que isto é a mesma tarde sabática que cruza indiferente a memoria coa que elaboramos as nosas vidas, ai! -vexo caer as folerpas da neve do imaxinario enriba dos figurantes e mesmo os dramatis personae desta opera prima que homes e mulleres representamos. Pasaba por alí un demiúrgo do Cristo crucificado no agosto ruín de Vigo e obra; un heterónimo de Valle-Inclán e outras personaxes que ninguén albiscara xamais por aquí, porque os mortos eran os de sempre, entrando e saíndo das tabernas anoitecidas, mentres femme en fleur explicaba a Platón no silente da tarde ferida, nun luscofusco. O poeta amortallado estaba a medir as distancias que hai entre un e outro universo, na procura dun amor imposíbel, esa ósmose que non saben explicar a maioría dos profisionais da literatura nas academias do imperio español que o actor odia e a un tempo ama. Pero aos burócratas da ortodoxia evanescente non lles pagan por outra cousa distinta, como se lles paga aos químicos e aos físicos da inorgánica sentimental que deturpa a realidade e cren que son marxistas, cando non son máis que “pequenos metrefes” afeitos á “colaxería”, ao arribismo e a bagatela. Cae a neve pura e dura e case ninguén se decata polas searas aínda vivas de Camelias Street, tan só Anxo Angueira en Fóra do Sagrado, mentres os vivos e os mortos xogan a un tute non cabrón nas tabernas da tarde. O almanaque da vida marca un tempo, e todo mundo sabe que é primavera autumnal, de luz sosegada e frescas mañás. Os xogadores de póquer van río abaixo na procura das vítimas, sempre coas cartas marcadas polas unllas da podremia en saldo de miseria. Un mozo está escorado a babor, á porta dunha casa usuraria, a procurar a esmola da inocencia, da incertidume dentro do Estado de benestar; e cada quen vende ou malvende as súas verdades e mentiras. Os dicionarios ao uso definen falsamente o terror, o terrorismo, e só falan de ETA, ignorando esoutros terrores da vida inmediata, dos especuladores, e do prístino latrocinio para alá deste street que nomeamos Camelias. Neste sur apodrecen os laranxos, agora que a poesía explica a canción da vida amortallada.

Calquera ser pode libremente proclamarse español na terra aburada, e francés no mesmo almanaque de se dicir ruso, ou vietnamita, porque a palabra-corpo non existe, que a vida, cabo de todo, non é máis que iso. Come, dorme, e copula, dixo Teócrates, ao pouco de crear o cágado.

Pasan envisos os rostros dos derradeiros días deste maio sobre Camelias Street, indiferentes.

Cando cae a noite enriba do silenzo estremecido, mortos e borrachos xogan ao tute cabrón da desaparición, no caleixón que alí chaman da Risa.

Os banqueiros imputados barallan incesantes as cartas polos tafures marcadas.

Te puede interesar