Opinión

Violencia contra a muller

Cómo é posible que aínda hoxe, en pleno século vinteún, viva entre nós quen asasine a muller coa que convive ou conviviu? Non pregunto polas razóns, porque non existen; e tampouco son admisibles suxestións de causas atenuantes, porque son todas agravantes. Na proporción correspondente, isto é aplicable a tódalas agresións e violencias que se están a dar, desgraciadamente, contra as mulleres. Qué raza de instinto degradado e depravado se apodera de tantas mentes desquiciadas e malvadas?

A muller ten que sufrir, aínda hoxe, marxinacións forzosas sen se poder valer; padece inxustas e inxustificables discriminacións económicas e laborais; acosos sexuais e violacións insufribles; manipulacións innumerables; indefensións inexplicables; explotacións verdadeiramente delictivas...

Unha sociedade que poida admitir e mesmo favorecer semellantes realidades faise inequívocamente esmorecente, asfixiante, inhumana. Unha cultura que non reacciona con eficacia, non merece o nome de cultura. Unha Igrexa que non se opón con decisión, expresamente, comprometidamente...non é a Igrexa de Xesús. Uns poderes que transixen tibiamente con estas situacións, non merecen a confianza dos cidadáns.

É hora xa de pasar das palabras ás accións positivas. Acurrunchar socialmente ós agresores; facelos sufrir, a eles sí, a marxinación; que se adapten as leis de maneira que non lles quede a ninguén ganas de cometer tales delictos... ¡e que se cumpran as leis! É, sobre todo, hora de potenciar positivamente a situación da muller na sociedade, no traballo, na familia... É hora de irmos cambiando todos decididamente a mentalidade e apuntarnos definitivamente á igualdade real; o que se ha verificar permanentemente nos signos e feitos miudos da nosa existencia cotiá.

Te puede interesar